A Academia, que presidiu entre 2006 e 2009, quere recoñecer “a súa traxectoria, referencia ineludible para a televisión, o teatro e o cinema en Galicia”Recibirá o galardón na Gala dos Premios Mestre Mateo, o próximo 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu homenaxear co Premio de Honra “Fernando Rey” de 2018 á actriz galega María Bouzas. Co galardón, a AGA quere “recoñecer de parte do sector a traxectoria dunha compañeira que é referencia ineludible para a televisión, o teatro e o cinema en Galicia”. O Premio súmase a dous María Casares, cinco Mestre Mateo e un Premio da Cultura Galega, que subliñan a relevancia da carreira da homenaxeada.Pese a ser natural de Mugardos, María Bouzas criouse, como tantas galegas e galegos, en Suiza. Logo de estudar Maxisterio e Arte Dramático, o seu primeiro traballo artístico foi en 1987 da man de Mario Gas, que dirixiu O mozo que chegou de lonxe para o Centro Dramático Galego. Dende aquel entón non deixou de pisar os escenarios, dirixida por figuras da importancia de Roberto Vidal Bolaño ou Manolo Lourenzo, e chegando a fundar con María Pujalte a súa propia compañía, retranqueiramente chamada “Compañía de Marías”

María Bouzas (foto Rafael Bravo)

Alén do seu éxito no teatro, foi na pequena pantalla onde a actriz mugardesa interpretou os seus papeis máis populares, como a Charo de Pratos combinados, a Carmela de Terra de Miranda ou a malvada Dona Francisca de El secreto de Puente Viejo, papel que encarna dende 2011 na lonxeva telenovela. Asimesmo, no cinema amosou a súa versatilidade traballando en multitude de roles ás ordes de cineastas como Patricia Ferreira, Gerardo Herrero ou Luís Avilés.María Bouzas, que foi presidenta da AGA entre 2006 e 2009, recibirá o Premio Fernando Rey durante a Gala dos Mestre Mateo, que terá lugar no Pazo da Ópera da Coruña o sábado 3 de marzo.