MÁIS DE 6.000 PERSOAS ASISTEN ÁS ACTIVIDADES DE (S8), A 3ª MOSTRA DE CINEMA PERIFÉRICO DA CORUÑA

5 / 06 / 2012

Profesionais do audiovisual, artistas, amateurs e nenos participaron nesta terceira edición da Mostra de Cinema Periférico da Coruña, que se inaugurou no Palacio da Opera de A Coruña cun cine-concerto no que se proxectou o clásico El hombre de la cámara (1929), de Dziga Vertov, sonorizado en directo polo autor da súa banda sonora, o coñecido compositor británico Michael Nyman. Asistiron a este evento, realizado en colaboración co Festival Mozart, máis de 1.200 persoas. Entre os invitados especiais destacou tamén o austríaco Peter Kubelka, que impartiu unha masterclass de máis de seis horas ante case un centenar de persoas baixo o título “La metáfora comestible”. Ademais, proxectouse toda a súa filmografía no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), ente colaborador, en varias sesións de gran éxito que encheron o aforo da sala. Baixo o título “La Cuadrilla antes de La Cuadrilla (1981-1986): de la gamberrada punk al cine familiar”, puidéronse ver tamén os primeiros traballos rodados en Super 8 por Santiago Aguilar, Luis Guridi e Raúl Barbé (La Cuadrilla). Pola súa parte, na sección “La segunda vida de las imágenes” incluíuse, entre outras propostas, a estrea en España da longametraxe The Pettifogger, de Lewis Klahr, e presentouse a obra de Janie Geiser. Por primeira vez realizouse en España unha retrospectiva da obra de ambos creadores, coa súa presenza. Dentro da mesma sección, Andrés Duque mostrou o domingo na clausura, o seu último filme, Ensayo final para utopía. Pola súa parte, dentro do ciclo “Super 8 Contemporáneo”, Archivo Expandido mostrou o labor de Magdalena Arau e de Your Lost Memories.

A sección “Sinais” tivo como protagonistas a Alberte Pagán, unha das figuras máis relevantes do cine experimental de Galicia, e Marcos Nine, quen estreou en Europa o seu “work in progress infinito” La brecha. E como invitada do ciclo Arquivos históricos, o (S8) contou coa Cineteca Nacional de México, que proxectou dúas cintas de Antonio Moreno e o galego Juan Orol. Miwa Matreyek e Arquivo Expandido compartiron a sección “Desbordamientos”. Matreyek mostrou por primeira vez os seus traballos en España, nunha sesión que sorprendeu ao numeroso público asistente. Entre outras actividades, tamén destacaron unha instalación do Festival de Curtas Vila do Conde, que celebra o seu 20 aniversario, e outra instalación interactiva baseada en La brecha, de Marcos Nine e Rodrigo Losada. E, dentro do ámbito didáctico, a terceira edición do (S8) acolleu o Observatorio, un punto de encontro dos responsables das principais institucións culturais e museísticas de España, así como de directores de festivais de cine internacionais. Así mesmo, ofreceu un obradoiro infantil sobre cine experimental, onde os máis pequenos puideron facer as súas propias películas, e esta semana continúa co obradoiro de cine en 16 mm que imparte do 4 ao 8 de xuño a reputada cineasta de vangarda Naomi Uman. Foi, en suma, un programa diverso no que tiveron cabida o Super 8, o 16 mm, a experimentación, a performace, a apropiación e a vangarda. Para o director da Mostra, Angel Rueda, “a afluencia ás diversas actividades convocadas polo (S8) reflexa como o festival mantén a un público fiel e incluso o incrementa con respecto ao pasado ano”.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: