RELATOS, DÚAS LETRAS E THE MAN WHO LIVED IN DEATH TRIUNFAN NO I FESTIVAL PRIMAVERA DO CINE DE VIGO

5 / 06 / 2012

A longametraxe Relatos, a curta Dúas letras e o videoclip The Man Who Lived in Death foron os gañadores do I Festival Primavera do Cine de Vigo, que se celebrou do 30 de maio ao 2 de xuño na cidade galega organizado por Reencanto Producións e Musiquina 33mg, coa colaboración do Concello.

Competían na sección oficial do I Festival Primavera do Cine, 46 traballos de produción galega. Un xurado popular foi o encargado de outorgar os galardóns, consistentes nunhas estatuíñas deseñadas polos alumnos de cerámica da Escola de Artes e Oficios. No apartado de longametraxes, o vencedor, entre os 7 finalistas, foi Relatos, de Mario Iglesias. Mentres, no apartado de curtas, para o que foran elixidos 15 títulos, foi galardoado Dúas letras, de Eloy Varela, que viña de gañar tres premios no Festival de Cans.

Na modalidade de videoclips, onde participaban 24 obras, o triunfo foi para The Man Who Lived in Death, do estudio de animación vigués Duplo Studio, con música de Patricia Moon. O acto de entrega de galardóns tivo lugar o sábado 2 de xuño no Auditorio do Concello de Vigo. A gala, que conduciu a actriz Beatriz Campos, e que amenizou Triatreros, arrancou coa proxección dun filme sorpresa, Cartas italianas, do premiado Mario Iglesias, e durante a mesma tamén se outorgou unha mención de honra ao histórico proxeccionista Manuel Estévez.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: