Máis audiovisual galego na Galipedia

30 / 11 / 2015

Trinta persoas participaron na primeira wikimaratón da Galipedia dedicada ao audiovisual galego, nunha xornada celebrada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, da Universidade de Vigo, en Pontevedra. Ao longo da mañá, os responsables da Galipedia, Elisardo Juncal e Adrián Estevez, explicaron a filosofía da Galipedia e tamén os procedementos para converterse en editor da mesma.

Calquera pode editar contido nesta enciclopedia en rede galega e os dous membros da mesma animaron aos socios da AGA a colaborar coa Galipedia e incremantar o número de entradas da mesma. Entrando en Galipedia, (desde esta portada da mesma: https://gl.wikipedia.org/) poden seguirse as instrucións para entrar novos datos ou actualizar entradas antigas.Tamén nesta páxina poden encontrarse algunas das normas de edición, como por exemplo, non editar cada un os seus propios datos e asumir que unha enciclopedia debe estar escrita desde a neutralidade e con datos veraces e comprobados.

Na primeira wikimaraton actualizaronse algunas entradas antigas e abríronse outras novas que poderán seguir sendo editadas tras esta xornada inicial. No mesmo sentido, todos os académicos que queirades participar, podedes sumarvos ao labor de edición da Galipedia. Aínda que non é necesario, os responsables da enciclopedia en rede aconsellan abrir unha conta de usuario na mesma e comezar despois a subir contidos.

Categoría: Novas
Etiquetas: