A 19 edición do Festival contou cunha competición oficial de 10 filmes de 15 países diferentes na que predominaba o cine social e que reivindicaba os dereitos humanos e a multiculturalidade. Algunhas das obras foron premiadas noutros festivais internacionais como Karlovy Vary ou o Festival de Málaga.
Destacar a estrea de “A Esmorga” na sesión inaugural, e as homenaxes a Emilio Martínez-Lázaro, Premio Cidade de Ourense; e a Carlos Bardem, galardoado co Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado.
A programación complementouse coas actividades paralelas e de ocio: a nova actividade Sesións Lixeiras, concertos, a exposición de Mayte Díaz, o roteiro de A Esmorga e a recuperación do OUFFescola, que experimentou un récord de traballos presentados por parte dos escolares.