EVA ZALVE E LUIS MOSQUEDA PECHAN A CUARTA EDICIÓN DO CURSO DE POSTGRADO CICA

17 / 06 / 2011

A cuarta edición do CICA (Curso de Postgrado en Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais), título propio da Universidade da Coruña que organiza o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), pechará as súas portas este fin de semana coa participación de Eva Zalve e Luis Mosqueda.

Eva Zalve impartirá este venres, 17 de xuño, o módulo “Prensa e comunicación nos mercados internacionais” no CICA. Dende setembro de 2007, Zalve traballa como consultora senior a través da marca ZoneVisual. É asesora en materia de comunicación e internacionalización comercial de varias firmas españolas e internacionais, e de forma habitual realiza tarefas de asesoría xurídica en materia de propiedade intelectual, negociación de acordos audiovisuais, así como deseño de estratexias comerciais para algunha das produtoras máis importantes de España e de Portugal. En paralelo, dende abril de 2008, colabora coa área de promoción de industrias culturais do ICEX (Instituto Español de Comercio Exterior) como consultora de comunicación en tarefas de coordinación de comunicación, deseño de ferramentas promocionais, prensa e busca de patrocinios, entre outros. Anteriormente desempeñou varios cargos directivos en RTVE. Entre eles, foi a responsable, na xerencia comercial da cadea pública, da negociación coas produtoras españolas e internacionais para a adquisición de formatos de televisión, así como da negociación de dereitos comerciais en coproducción por parte de RTVE.

O sábado 18 de xuño, Luis Mosqueda será o encargado de pechar a cuarta edición de CICA cun módulo sobre o mercado dos contidos infantís. Centrará a súa ponencia en explicar as diferentes xanelas de explotación dos contidos infantís, e as súas peculiaridades en comparación co resto de contidos audiovisuais. Mosqueda é, dende 2007, vicepresidente de Big Picture Entertainment, empresa portuguesa adicada á distribución de contidos infantís en España e Portugal. Na actualidade, Big Picture converteuse na segunda compañía en España en ventas ao consumidor final en producto infantil en DVD. Entre as últimas distribucións desta distribuidora atópanse a exitosa serie de animación preescolar Pocoyó, vendida en máis de cen países, e a serie de televisión Caillou, de Cookie Jar. Anteriormente, Mosqueda foi durante once anos director comercial da Division Home Entertainment da compañía The Walt Disney Company Iberia.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: