CONTINENTAL PRE-ESTREA EN SANTIAGO A SÚA TVMOVIE “EDUARDO BARREIROS. O HENRY FORD ESPAÑOL”

17 / 06 / 2011

Hoxe venres, o Teatro Principal de Santiago acolle a prestrea da tvmovie “Eduardo Barreiros. O Henry Ford español”, producida pola compañía galega Continental Producciones e a andaluza Salero Films, en colaboración coa Televisión de Galicia. A película para televisión, dirixida por Simón Casal de Miguel, conta a historia do empresario galego Eduardo Barreiros, considerado no ano 1964 o cuarto empresario máis importante de Europa.

Eduardo Barreiros. O Henry Ford español recolle diversas etapas do empresario, desde a súa dura infancia en Galicia, ata a súa xuventude cando lle tocou loitar na Guerra civil, e por último a época do seu trunfo empresarial ao que lle puxeron trabas, primeiro o Ministerio de Industria franquista e posteriormente os seus socios americanos da Chrysler.

O actor galego Manu Regueiro dá vida ao empresario que levantou un imperio tras ter a xenial idea de transformar os motores dos camións de gasolina a diésel. Completan o elenco de intérpretes Christian Escudero, Manolo Solo, Julio Pereira, Denís Gómez, María Tasende e Tamara Canosa.

Producida por Pancho Casal e Regina Álvarez, conta con guión de José Luis Acosta e música de Antonio Melmeo. O director de produción é Carlos Amoedo e Paula Cons figura na produción executiva.

Categoría: Novas
Etiquetas: