Este luns (22.15 horas), a TVG dará o pistoletazo de saída aos novos capítulos da serie “Padre Casares”, tras varios meses de reposicións. E farao coa emisión de “África”, un especial gravado na República de Mali. Por fin, Horacio Casares cumprirá o seu soño de viaxar ás misións, aínda que non será da maneira que el sempre soñou.

O pasado mes de maio, un equipo de Voz Audiovisual, produtora da serie Padre Casares, desprazábase á República de Mali para a gravación dunha entrega moi especial. Este luns, a Televisión de Galicia mostraranos o resultado daquela viaxe. Actores e equipo técnico colaboraron alí coa Red Voces, para dar a coñecer a súa actividade contra a pobreza e a exclusión social.

Tra-la emisión desta entrega especial, a TVG emitirá o making off da produción; un documental especial que nos mostrará como se gravou Padre Casares en África. As aventuras africanas de Horacio e Delmiro servirán para dar a coñecer ao público galego o proxecto que a Red Voces desenvolve en Bamako (www.voces.org.es): un Centro de Arte e Formación.

A Red Voces está constituída por un grupo de persoas vinculadas ao mundo da cultura, e comprometidas coa loita contra a pobreza e a exclusión social que afecta á infancia. Os impulsores desta iniciativa traballan pola construcción dun mundo xusto e sostible para todos, para ampliar as oportunidades dos nenos e as nenas, e para lograr o seu pleno desenvolvemento e integración.