A ESCRITORA MARICA CAMPO EN “Ó FÍO DO RETRATO”, NA TVG

16 / 09 / 2011

Un domingo máis Ó Fío do retrato amósanos un retrato tecido con agarimo, fiado polo fotógrafo Anxo Cabada. Desta volta, Anxo tirará do fío da escritora Marica Campo, muller xenuina, que ten feito da literatura unha ferramenta na procura da súa liberdade.  Poeta, profesora, escritora de letras de cancións, a súa vida está marcada polo amor á palabra: a palabra escrita, a palabra cantada, a palabra falada, a palabra en todas as súas dimensións. Conta tamén Manuel Forcadela que a infancia de Marica polo Incio (Val de Mao), deixou a súa pegada. A pegada dos bosques solitarios poboados por soños infantís, a lectura, comunal ou en soidade, a vontade de escribir… todo na soidade dun mundo rural, cheo de maxia para os nenos.

 

Os bosques do Incio foron os alicerces do espazo interior de Marica Campo, poboado por seres entrañables, os pais, os avós, todas as voces que ficaron no faiado da infancia e que Marica rememora como parte do seu proceso de autocoñecemento. As mazás reinetas, as madreselvas, como aromas perdidos e sempre recobrados. O son do arrolo das pombas.

O traslado de Marica a Lugo, desde a casa do campo a un piso da cidade, supón a primeira marca do desarraigo. A cidade relixiosa, chea de misas e de monxas, de cregos e latíns, de rosarios e novenas, contrasta coa descuberta do cinema, nos anos en que aínda o branco e negro dominaba. E todo se encamiña cara un contraste radical: o celibato e a vida relixiosa. Cinco anos e tres meses entre monxas son suficientes para que a ansia de liberdade quebre definitivamente a escolla errada, ben lonxe dos conventos.

Logo o seu amor pola palabra levouna a querer compartila cos demais: primeiro, como mestra, cos alumnos máis cativos; despois, como profesora, con alumnos xa maiores aos que foi iniciando neses mesmos amores pola palabra ben dita, polo verso ben escrito, pola prosa de maxia; finalmente, con todos os seus semellantes, a través dunha sucesión de libros que a foron convertendo nunha das figuras máis senlleiras da nosa literatura viva.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: