Realizador, editor, produtor, profesor asociado de Realización Audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC… son moitas as facetas nas que Gaspar Broullón se desenvolve profesionalmente “no fondo todo vai de contar historias. Realizar é amosar historias, producir é facelas viables, promovelas, darlles forma… e formar futuros profesionais deste sector noso é o mellor xeito de facer que cada vez contemos máis e mellor esas historias”. Apaixoado do seu traballo, non podería elixir só unha etiqueta coa que definirse “adoro cada unha das facetas que me permiten construir historias e compartir este oficio bonito con xente á que admiro cada día. E adoro ver medrar esa mesma paixón na xente moza da que teño a sorte de aprender tanto ou máis do que eles aprenden de min”.

Conversamos con el co gallo da quinta edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual, na que forma parte do xurado.

Como estas a vivir a túa labor como xurado?

Sempre é un pracer achegarse á creatividade dun colectivo tan heteroxéneo como o do audiovisual galego, porque o certo é que tamén nas publicacións académicas e ensaísticas temos obras e autores tremendamente interesantes. Proba disto son as pasadas edicións destes premios que teño seguido particularmente no apartado de videoensaio e moi especialmente no caso dalgunha alumna ou compañeiros premiados. O nivel das obras deste ano é tamén diverso pero unha vez establecidas aquelas claramente máis destacadas, é moi delicado atopar o matiz que como xurado nos leva a galardoar unha ou outra. Recoñezo, iso si, un déficit na categoría de videonsaio en galego, unha mágoa especialmente polo atractivo das súas posibilidades e pola existencia de autores e obras que reflexionan fondamente sobre esta cuestión.

Como pensas que poderían mellorar os premios?

Estas dúas últimas edicións deberon ser abondo complicadas de organizar e difundir polas circunstancias que tan ben coñecemos, pero a impresión é que, se cadra, un pequeno pulo comunicativo permitiría acceder a públicos e potenciais autores que quedan fóra da participación e a posterior difusión das obras.

“Compre un reforzo na creación de contidos académicos audiovisuais de forma estable e, sen dúbida, a existencia de publicacións que puideran nutrirse delas sería unha ferramenta extraordinaria”.

Gaspar Broullón, docente, realizador e produtor.

É frencuente a convocatoria de premios de ensaio escrito, pero non tanto de videoensaio, como valoras esa categoría? 

Recoñezo que é a miña debilidade. Por orientación profesional paréceme unha necesidade absoluta e un acerto enorme por parte da Academia. Desde o ámbito académico, é unha gran dobre oportunidade: dunha banda para que o alumnado audiovisual de Galicia dispoña dun lugar ao que ollar cando desenvolven os traballos académicos das súas últimas etapas formativas; pero tamén para fornecer aos alumnos que veñen detrás destes, de materiais divulgativos creados desde aquí con ollada autoral e un nivel que nada ten que envexar a outros textos e audiovisuais que empregamos habitualmente na clase.

Pensas que un premio coma  este é unha boa maneira de incentivar a produción de materiais académicos ou que hai outras fórmulas máis axeitadas?

Desde logo calquera premio incentiva a produción de obras desas características. Coido que compre un reforzo na creación de contidos académicos audiovisuais de forma estable e, sen dúbida, a existencia de publicacións que puideran nutrirse delas sería unha ferramenta extraordinaria.

“Adoro cada unha das facetas que me permiten construir historias e compartir este oficio bonito con xente á que admiro cada día”.

Gaspar Broullón, docente, realizador e produtor.

Ademáis do xurado dos María Luz, podes contarnos en que outros proxectos estás a traballar?

Pois a miña vida é un encaixe de Camariñas…. Como produtor, desde OlloVivo estou embarcado nunha chea de cousas bonitas. Estamos a producir os audiovisuais da próxima exposición da Cidade da Cultura (Galicia Futura) con autores tan talentosos como Juan Lesta, Lucía Estévez ou Noemi Chantada. Estamos coa montaxe do documental Beiras.Vivir2Veces, que estrearemos, por fin, no outono nun proceso creativo moi bonito con Pepe e Jorge Coira. No inverno chega a rodaxe de O Corpo Aberto, a nova peli de Ángeles Huerta. E entretanto estamos a desenvolver tamén a próxima longametraxe de Fon Cortizo, Songs for the Apocalypse, co cantautor Micah P. Hinson. 

Pero claro, sigo montando, que é a miña outra vida, agora coa segunda tempada de AugaSeca, de Portocabo. E as clases remataron por este curso… por sorte!

Como asociado da Academia, que outras iniciativas consideras que se poderían levar a cabo para promover e visibilizar o noso audiovisual?

Cada iniciativa é un novo pulo. A formación é un factor clave, tamén para os profesionais, e empregar todo o talento existente no sector para a formación propia ou allea é unha ponte que se cadra non era mala cousa tender. Os intercambios internacionais, con outros cines, con outros sectores, con outras comunidades, tamén son un aire fresco para calquera cinematografía. E o establecemento de referentes, publicacións físicas, online, emisións, que cheguen aos compañeiros e compañeiras pero tamén ao público é outro dos xeitos de ampliar este marco apaixoante do noso audiovisual.

Os premios naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega e para reivindicar a figura da escritora e xornalista María Luz Morales. Contan co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.