Alfonso Zarauza presenta en Cineuropa Ons, un proxecto “profundamente fermoso”

21 / 11 / 2020

Alfonso Zarazua rodou en Ons a súa quinta longametraxe de título homónimo, estreada no pasado Festival de Sevilla.

Unha historia na que a natureza salvaxe da illa exerce o seu magnetismo na vida dun grupo de persoas ás que dan vida Melania Cruz, Antonio Durán ‘Morris’, Xúlio Abonjo, Anaël Snoek e Marta Lado nos personaxes principais.

Despois de A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013) e Os fenómenos e A viaxe dos Chévere (2014) o director compostelán volve poñerse detrás das cámaras para afrontar unha rodaxe que se levou a cabo en circunstancias moi esixentes.

Pasou máis dunha década desde a túa ópera prima, A noite que deixou de chover. Como cambiou o teu xeito de dirixir desde entón?

Pois si, rodei A noite que deixou de chover entre agosto e outubro do 2007. Moitas cousas mudaron dende entón no mundo e no interior de min. Pódese dicir que madurei e o meu cinema supoño que tamén. Agora filmo dun xeito moito máis seguro, penso que arrisco moito máis porque confío máis no que fago intuitivamente. Penso tamén que a idade dache un pouso de amargor que as veces confúndese coa profundidade. Coido que era Paul Klee o que dicía que o cometido da arte é facer visible o invisible e niso ando, aprendendo a traballar dende a sutileza e alonxándome o máis que podo dos tópicos e dos lugares comúns, do zafio e do manido. Imaxino que esa será a diferencia principal entre eu e o eu de hai trece anos, ainda que non o teño moi claro.

Fotograma de Ons. Maruxiña Film Company.

Para a escritura do guión volves contar con Jaione Camborda, quen xa fora a túa co-guionista en Os Fenómenos. Como é traballar con ela?

Si, escribín de novo o guion con Jaione porque teño a gran sorte de poder contar co seu ollar intelixente e lúcido nos meus filmes. Coñecémonos moi ben e aportámonos mutuamente moito. Pódoche dicir que pasamos varios meses traballando cinco días a semana e sete horas ao día falando do filme que queríamos facer sen chegar a escribir unha soa palabra. Falando do esencial. Eso é o mellor de Jaio, poder afondar moito nas cousas dende o rigor. Unha vez que chegamos á idea de filme que queriamos facer, fixemos un primeiro borrador xuntos e despois xa fixen eu só oito máis, porque o esencial xa estaba no primeiro, o demais é esculpir e sacar brillo.

Fotograma de Ons. Maruxiña Film Company.

En Ons a presenza femenina é moi importante, como foi o traballo coas actrices?

Todo o filme xira en torno a Mariña, o personaxe de Melania. As mulleres en xeral teñen un xeito penso que moito máis esencial de estar no mundo, por iso me interesan. Xa nos Fenómenos a protagonista única era unha muller. Mariña é, como todo o mundo, un ser complexo e afondar nesa complexidade non foi doado pero sempre é interesante. Logo a capa de fisicidade e emocionalidade aportada por Melania foi grandiosa, dunha riqueza e verdade absoluta. Melania é unha actriz única e grandiosa, embriágase co personaxe dun xeito absoluto e iso é un agasallo para o filme e polo tanto para min. Adoro traballar con ela.

Ademais hai varias mulleres de diferentes idades que complementan esta feminidade, dende unha nena de oito anos ate unha señora de noventa e catro que tivemos na rodaxe varios días. O personaxe de Marta Lado, a fareira Isa, é un complemento perfecto para o de Melania, ten todo aquelo do que o de Melania carece. É nai, está embarazada de novo e ten unha familia, un traballo e un lugar (Ons) que a arraiga; en Mariña todo é desarraigo e incertidume. Ainda que as cousas non sempre son o que parecen.

“As mulleres en xeral teñen un xeito penso que moito máis esencial de estar no mundo, por iso me interesan”

Alfonso Zarauza, director de Ons.

Como foi rodar nunha illa?

A illa todo o da e por todo pasa factura. É un lugar abrumadoramente xeneroso pero moi complexo. Filmar na illa en outubro e novembro, con toda a illa para nós, foi un auténtico privilexio fílmico e vital pero foi moi duro tamén. Filmar baixo cinco temporais atlánticos en praias, cantís e camiños enlamados foi fermoso pero moi duro, todo iso está no filme.

Fotograma de Ons. Maruxiña Film Company.

Tiven a sorte de ter un equipo marabillosamente entregado e fomos quen de sacar a rodaxe adiante en durísimas circunstancias, pero houbo un gran ambiente no equipo e nos actores, foron todos moi xenerosos. Estou moi orgulloso de toda esa xente. Rodabamos en tandas de dez días seguidos e logo saiamos un par de días da illa para descomprimir, algunas veces quedamos aillados. Os temporais son moi poderosos na imaxe pero son incómodos, os equipos estropeanse pola humidade, os actores e o equipo están mollados durante longas horas e non hai onde cambiarse. Foi duro pero profundamente fermoso.

“Tiven a sorte de ter un equipo marabillosamente entregado e fomos quen de sacar a rodaxe adiante en durísimas circunstancias”

Alfonso Zarauza, director de Ons.

Como afectou a crise sanitaria aos procesos de postprodución e distribución de Ons?
Hai un ano estabamos filmando na illa, despois fixemos durante longos meses, enchidos de ilusión, toda a postprodución do filme. As expectativas eran inmellorables cando unha pandemia cae sobre o mundo. Todo se volve confuso e cheo de incertidume, mais nese estraño ambiente xeral a peli foi topando o seu camiño por un carreiro de festivais moi prestixiosos e esquisitos, coma son o europeo de Sevilla, Márgenes de Madrid ou o noso Cineuropa.

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: Entrevistas