Leva máis de 30 anos no oficio, desde que se metera de axudante de produción con Carlos Saura en Bodas de Sangre no 1981. Anos despois, José Luis Cuerda pasoulle un guión que levaba tempo rondando por diversas oficinas e que semellaba interesante. Tratábase de Tesis, dun tal Alejandro Amenábar… a que sería a súa primeira produción en solitario. Logo virían Los Otros e Mar adentro, entre outros, así como 6 premios Goya polo seu labor. Con estes vimbios se presentaba esta mañá Emiliano Otegui nos encontros do 17OUFF perante un público, na súa maioría alumnos do ciclo de Produción Audiovisual do CIFP A Farixa, co que compartiu experiencias, curiosidades e mesmo inquedanzas profesionais. Comezou facendo un repaso polo aspecto máis tecnolóxico, das diferenzas entre o filme de 35mm e as posibilidades do dixital, tanto no referente ao son como á montaxe final. “O dixital déixao todo máis claro, máis limpo, máis nítido”, di, aínda que bota en falta “a textura, ese gran que me parece fundamental”. Iso si, “todo é máis rápido e tes máis posibilidades de modificalo na sala de posprodución”, recoñecía.

Emiliano Otegui, membro do xurado do 17OUFF, non quixo estenderse moito na súa alocución e si darlle a palabra aos alumnos da Farixa. Deste xeito, puideron charlar sobre temas de rabiosa actualidade como a suba do IVE, que tildou de “catastrófico”, a diferenza entre producir series de televisión e películas, os recortes nos orzamentos das televisións para o cine e o duro das condicións que lles impoñen ás películas, as posibilidades da TDT ou os novos formatos de visionado dos contidos audiovisuais.

O programa do 17OUFF prosegue esta tarde no CINEBOX, onde destaca a presenza de Pedro Solla e de Comba Campoy (Morreu o demo, acabouse a peseta) na sesión das 20:30h, acompañados desta vez da produtora Chelo Loureiro (O xigante). Seguirán con nós, para presentar a última sesión, os representantes de Ali, o director Paco R. Baños e Daniel de Zayas).