O cine español tan só estará representado nos Premios de Cine Europeo que se entregarán o próximo 1 de decembro en Malta pola película de animación ‘Arrugas’ e o compositor Alberto Iglesias que optará ao galardón de mellor banda sonora pola película ‘El topo’.

As nomeacións déronse a coñecer onte no marco do Festival Europeo de Sevilla. Como película favorita, con seis nomeacións: mellor película, director, guión, fotografía, actor e actriz para Emmanuelle Riva, atópase o filme francés ‘Amour’ (Palma de Ouro en Cannes) do director austríaco Michael Haneke.

Séguenlle con catro nomeacións ‘The Shame’ do británico Steve McQueen e con tres tanto ‘César debe morir’ dos irmáns Taviani (Oso de Ouro en Berlín) como a película francesa ‘Intocables’.

O donostiarra Alberto Iglesias, que xa obtivo o galardón coas almodovarianas ‘Los abrazos rotos’ e ‘Volver’, compite coa banda sonora de ‘El topo’ e enfróntase a François Couturie (‘A pequena Venecia’), George Fenton (La parte de los ángeles) e o tándem que conforman Cyrille Aufort e Gabriel Yared (‘Un asunto real’).

Pola súa banda, ‘Arrugas’, a adaptación do cómic homónimo de Paco Roca dirixida polo catalán Ignacio Ferreras, disputarase a distinción que recompensa ao cine de animación contra dous rivais: ‘¡Piratas!’, a máis recente produción da factoría Aardman, e ‘Alois Nebel’, da industria cinematográfica checa.

Máis información sobre as nomeacións en: www.europeanfilmawards.eu