Dende mañá venres día 1 e ata o 2 de xaneiro, está aberto o prazo de presentación de candidaturas para optar a calquera das 25 categorías establecidas nas Bases dos Premios Mestre Mateo, abríndose así o proceso de votacións que concluirá coa Gala dos Premios que terá lugar na primavera.
DENDE MAÑÁ DÍA 1 O AUDIOVISUAL GALEGO CONCORRE ÓS PREMIOS MESTRE MATEO 06

O 2 de xaneiro remata prazo de presentación para cada unha das 25 categorías establecidas

Dende mañá venres día 1 e ata o 2 de xaneiro, está aberto o prazo de presentación de candidaturas para optar a calquera das 25 categorías establecidas nas Bases dos Premios Mestre Mateo, abríndose así o proceso de votacións que concluirá coa Gala dos Premios que terá lugar na primavera.

A estes premios poden concorrer tódolas producións audiovisuais recollidas nas Bases e que cumpran co establecido nelas, así como @s profesionais do sector que do mesmo xeito, cumpran os requisitos das mesmas. Longametraxes, telefilmes, series de ficción, animación ou documentais, programas para televisión, documentais –como xénero propiamente dito-, curtametraxes, producións publicitarias, producións interactivas, así como tódolos profesionais –sexan ou non galeg@s pero que estean comprendid@s no estipulado nas Bases-, poderán optar a estes Premios en cadansúa das 25 categorías.

Poderán presentar candidaturas, tanto de produtos audiovisuais como de profesionais, as empresas produtoras, canles emisoras, escolas audiovisuais, empresas de produtos interactivos, axencias publicitarias, así como @s propi@s académic@s da A.G.A.

Unha comisión velará polo cumprimento das bases

Nesta edición dos Premios Mestre Mateo, a Xunta Directiva constituíu unha Comisión específica para facer o seguimento das Bases dos Premios, formada por representantes de cada unha das categorías profesionais especificadas nos Estatutos da Academia. Esta Comisión atenderá tamén as posibles reclamacións que poidan darse no decurso do proceso. Está composta por Montse Besada en representación da categoría de Produción; Ana Monteagudo por Dirección, X. Henrique Rivadulla Corcón polos Guionistas; Xosé Luís Bernal Farruco representando ó sector de Intérpretes; por Arte, Ignacio Pardo Pedrosa; por Promoción, Ignacio Benedeti; por Fotografía Victorino Lourido; Música, Piti Sanz; polo sector de Son, José Alberto Suárez, e por Posprodución, Carlos López Ríos.

Proceso de votación

Seguindo o calendario establecido nas Bases, o 19 de xaneiro serán publicadas as candidaturas aceptadas –que cumpran coas Bases- abríndose o prazo de alegacións de soci@s, prazo que remata ó cabo dunha semana. Así, o 31 de xaneiro enviaranse as papeletas para a 1ª rolda de votacións, tendo @s soci@s quince días para emitir o seu voto: o 16 de febreiro remata o prazo de recepción de papeletas no Notario. Será o 23 de febreiro cando se publique a listaxe de Nominados, enviándose ós 3 días as papeletas para a 2ª e derradeira rolda de votacións. O 14 de marzo rematará o prazo de recepción destes votos, que serán os que determiñen as candidaturas gañadoras, pero que non coñeceremos ata a celebración da Gala dos Premios Mestre Mateo 06, entrada xa a primavera.

Gabinete Comunicación
Academia Galega do Audiovisual