Do 14 ao 18 de marzo terá lugar nos Cines Dúplex de Ferrol o I Ciclo de Cine pola Igualdade, organizado pola Concellería da Muller do Concello desta vila. No seu seno convocouse o I Concurso de Curtametraxes “Pola igualdade de xénero”, que ten aberto o seu prazo de inscrición ata o 11 de marzo.

Poderán concorrer ao concurso curtametraxes en formato DVD rodados preferentemente en galego con cámara de vídeo, dixital ou teléfono móbil dun máximo de 10 minutos, que sensibilicen e informen á poboación sobre as dificultade se vantaxes de vivir en igualdade, como a mellor forma de combater a violencia que sofren as mulleres por causa das desigualdades existentes na sociedade actual. Establécense dúas categorías: unha para mozos de ata 18 anos e outra para persoas con máis idade. As obras poderán ser individuais ou colectivas, e cada participante poderá presentar un máximo de dúas curtas inéditas e que non deberan ser presentadas noutros concursos. O Concello a través da Casa da Xuventude, porá a disposición dos interesados os equipos para a elaboración da sobras, a través do servizo gratuíto Factoría Creativa.

Un xurado presidido pola Concellala do ramo, e formado por dúas expertas na materia, co técnico da Casa da Muller como secretario, fallará os premios o 17 de marzo. Serán tres: 25 entradas para os Cines Dúplex e unha videocámara dixital Canon FS36 para o gañador na categoría de ata 18 anos; 15 entradas e unha videocámara dixital Canon HR R16 para o gañador na modalidade de maiores desa idade; e 10 entradas máis unha videocámara dixital Canon FS 306 para o gañador do premio do público.