Dúas curtametraxes galegas, unha de animación e outra de ficción baseada en feitos reais, CHECKOUT e X NADA, veñen de ser seleccionadas para o Festival Internacional de Cine de Animación de Basauri (Biskaia) e para o Festival de Cortometrajes de San Roque, en Cádiz. Ámbolos traballos foron producidas por Ficción Producciones, e no caso de Checkout, en coprodución con Kairós.


Esta curtametraxe de animación foi a gañadora do Premio Compostela Plató do Festival Internacional CURTOCIRCUÍTO 2009, e foi tamén presentada ós Premios Goya do pasado ano. O Festival para o que agora foi seleccionado en Basauri, celébrase do 1 ó 7 de abril próximos.

No caso de X NADA, é unha produción que foi xa seleccionada na súa traxectoria para 30 Festivais, entre eles, os Premios Goya do 2009, gañando máis de 10 noutros tantos deles, tanto no ámbito nacional como no internacional. E continúa colleitando éxitos. O Festival de Cortometrajes de San Roque celébrase do 14 ó 18 de febreiro.

Características e Sinopse de CHECKOUT

CHECKOUT é unha produción dirixida por Salvador Rubion –tamén guionista- e Iker García, cun formato de produción de Curtametraxe de Animación. O formato de proxeción é de 35mm e cunha duración de 7’ 07”. A versión orixinal é en galego.

Sinopse.- Un supermercado, pouco antes de pechar. Un mozo despistado que necesita pasar pola caixa. Unha irritable caixeira tola por marchar a casa. Un estricto supervisor na procura de alguén a quen despedir. Un enorme garda de seguridade ao borde dun ataque de nervios. Dous minutos para o peche… e, malia todo, incriblemente, pode xurdir o amor.

Características e Sinopse da produción X NADA

X NADA está baseada en feitos reais e inspirada no texto “Matar por diversión” de Diego Bagnera para XL Semanal. Está dirixida por Dani de la Torre e Toni Veiga, e os guionistas foron ademais déste, Manolo Dios. É unha curtametraxe rodada en 35mm, e en versións orixinais en Lingua Galega e en Lingua Castelá, pero ademais, foi subtitulada ó inglés. A súa duración é de 14 minutos, e os platós emprázanse en Santiago de Compostela. Os actores principais son Carlos Fernández e Miguel García.

Sinopse .- Roi e os seus colegas practican un xogo moi especial, unha forma de divertirse peculiar e bastante violenta. Este macabro xogo os unirá para sempre a Dani, que tivo a mala sorte de estar no momento e sitio inadecuados.