COMEZA O LAV´011 EN VEDRA

14 / 02 / 2011

Do pasado día 12 ao 20 de febreiro, durante as fines de semana, terán lugar na localidade coruñesa de Vedra as IV Xornadas de Formación e Mostra Audiovisual (LAV´011), organizadas pola asociación cultural Senunpeso, con distintos apoios institucionais. O programa inclúe preto dunha vintena de obradoiros, ademais de diversas proxeccións de curtas, presentacións e conferencias. Un dos apartados do LAV´011 é a súa Mostra Audiovisual, que permitirá o pase de estreas de curtas, e a presentación de proxectos, no Salón de Actos da Casa da Terceira Idade da localidade. Así, o venres 18 de febreiro a partir das 21.30 horas, proxectaranse as curtas Confidencias dunha cama e Despierta, e o videoclip Negro Caravel; e o sábado 19, a partir das 20.30h veranse as curtas Discreto amor, O galiñeiro,  Aseñora da limpeza e O show de… No apartado de conferencias, nese mesmo recinto, o sábado 19 ás 19.00h, Iñaki Quenerapú, técnico en explotación de sistemas informáticos, detallará porqué é vital a neutralidade na rede; e o domingo 20 ás 17.00h o ilustrador e deseñador gráfico Uxío Broullón falará das licenzas libres. Todas estas actividades son gratuítas.

Por outra banda, LAV´011 propón unha vintena de obradoiros par aos que se inscribiron 250 persoas. Durante dúas fines de semana desenvolveranse doce obradoiros de iniciación en torno á caracterízación (por Montse Tojo), posprodución dixital (por Xosé Collazo), produción audiovisual (por Nati Juncal), operador de cámara (por Javier Rosende), maquillaxe FX (por Alberto Hortas), dirección de fotografía (por Paco Rocha), son creativo para cine (por Xoán Escudero), o intérprete diante da cámara (por Nathan Carter), a animación en stop motion (por Juan Pablo Etxeberry), o documental (por Marcos Nine) e a curtametraxe (por Alfonso Zarauza e Jaione Camborda). Por outra banda, o curtametraxista Luki Mathews impartirá obradoiros de iniciación ás curtametraxes para alumnos de ESO. Así mesmo, haberá obradoiros avanzados de técnica vocal e voz falada (por Ramón Bermejo), workflow en 3D para posprodución estereoscópica (por Fernando Alfonsín), Steady Cam (por Carlos Martínez Bouzas), corrección de cor, continuidade e look (por Jordi Molina), timelapse (por Daniel Almeida) e a interpretación ante a cámara (por Jorge Coira). Outros dous cursos avanzados, sobre os novos camiños de vídeo na rede (por Berto Yáñez), e videoclips (por Pedro Castro), aplazáronse.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: