Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias conducirán a gala dos XVII Mestre Mateo

19 / 02 / 2019

A  gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o próximo 2 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña, estará protagonizada por Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias -Percebes y Grelos-. Dirixida por Sonia Méndez, a cerimonia estará conducida por un elenco de actores e actrices que, cunha estética futurista, guiará ao público a través dunha viaxe temporal polo audiovisual galego baixo a seguinte premisa:

Hai milenios que os humanos se extinguiron. Antes da fin, unha mostra deles foi embarcada nas naves de evacuación: científicos, músicos, artistas, futbolistas… e tamén un par de youtubers. Na actualidade, as naves recolectoras de coñecemento galáctico viaxan polo espazo-tempo co cometido de localizar, clasificar e conservar todo o saber do Universo. Unha desas naves recolectoras, viaxa ata o pasado para recabar información sobre o audiovisual galego. Concretamente… ata o acto de entrega dos Premios Mestre Mateo do ano 2019.

MM19 WEB

Ambientado na ciencia ficción, o espectáculo contará cun vestiario creado especialmente para a ocasión polo deseñador David Méndez Alonso; músicas e letras orixinais de Fernando Epelde; dirección de arte de Isa Vila e Ángel Amaro;  dirección de produción de Miriam Devesa;  guión de Daniel Domínguez, Sandra Lesta e Sonia Méndez e dirección desta última.

Os premios, que os académicos e académicas elixen cos seus votos entre as máis de 400 candidaturas presentadas en vinte e cinco categorías, serán entregados por diversos profesionais pertencentes ao noso audiovisual nunha gala que se celebrará o próximo sábado 2 de marzo no Palacio de la Ópera da Coruña. A cerimonia poderá seguirse minuto a minuto a través das redes sociais da AGA (Facebook | Twitter) no cancelo #MestreMateo19 ou a partir das 22h00 na primeira canle da Televisión de Galicia.

Etiquetas: