ANTÓN REIXA, ELIXIDO PRESIDENTE DA SOCIEDADE XERAL DE AUTORES E EDITORES

10 / 05 / 2012

O músico, director de cine e produtor audiovisual Antón Reixa converteuse no novo presidente da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), cargo no que concorren tamén as presidencias da Xunta Directiva e do Consello de Dirección. Así o decidiron maioritariamente os membros da Xunta Directiva o pasado 8 de maio, en Madrid. Reixa obtivo 24 votos dos 37 membros presentes (2 non asistiron), mentres que José Miguel Fernández Sastrón logrou 11. Ademais, houbo 2 votos en branco.

Nas súas primeiras declaracións ao fronte da entidade de xestión dos autores, Antón Reixa subliñou que quere “unha SGAE menos presidencialista e máis discreta, cunha xunta directiva máis participativa”. “A miña intención é que a presidencia abandone os personalismos”, engadiu. Ademais, destacou que o patrimonio da entidade constitúeo non só o repertorio de obras que xestiona, senón tamén “o coñecemento dos traballadores” da mesma, aos que quixo felicitar polo seu traballo e compromiso ao longo dos últimos meses. Xunto a Reixa, foron elixidos como vicepresidentes Miguel Hermoso polo Colexio Audiovisual, Fermín Cabal polo Colexio de Gran Dereito, e Teresa Alfonso (Teddysound) polo Colexio de Editores. Así mesmo, quedou constituído o Consello de Dirección, órgano ao que corresponde a administración permanente e executiva da entidade, e que está formado por doce membros designados pola Xunta Directiva a proposta dos colexios profesionais respectivos: dous de Gran Dereito (Carles Alberola e Fermín Cabal), cinco de Pequeno Dereito (Antón Reixa, José Miguel Fernández Sastrón, José Zárate, Manuel Aguilar e Javier Losada), dous de Audiovisual (Enric Gomà e Julia Altares), e tres de Editores (Carlos Martínez, de M20, Juan Ignacio Alonso, de Sony ATV Music Publishing Spain, e Alvaro de Torres, de Warner Chappell Music Spain).

 

Categoría: Novas
Etiquetas: