Isidro Jiménez falou coa Academia antes da segunda e última xornada do Foro Academia Aberta adicado aos efectos dixitais. Actualmente tres películas nas que participou están en cartel: Extinction, Ma Ma e El Desconocido.

– Cales son as particularidades dos VFX en España?

Agora mesmo quitando as superproducións absolutas de Hollywood tipo X-Men, os VFX en España son equiparables ao resto do mundo. Facemos o mesmo coas mesmas ferramentas pero con orzamentos ben diferentes. Se tivésemos que facer grandes producións poderíamos facelo, non teríamos a experiencia pero si as ferramentas e os medios.
Os VFX en España non se distinguen dos de Francia, dos de Italia, dos de Alemaña… Estados Unidos é outra liga. O que diferencia son os orzamentos: o custe dunha peli en Hollywood é o orzamento total que temos para todo o cine español.

– Como cambiou o teu traballo na última década?
Antes case o 100% do noso traballo era arranxar problemas e fallos de rodaxe e non sabíamos que estaba ocorrendo ata que nos traían o problema. Agora mesmo planifícase todo en conxunto con dirección, produción, dirección de fotografía, con efectos físicos… Isto aceptouse ata tal punto que normalmente hai un orzamento para dixitalización.

– Canto inflúen os VFX no xeito no que os directores contan unha historia?

Realmente non deberan influir, non vexo porque van a influir nun director. O director quere algo e nós axudámoslle a conseguilo, pero igual que o axuda o director de arte, o director de fotografía ou vestiario. Loxicamente nos temos que aportar parte da nosa creatividade, pero igual que calquera outro departamento.
Só cando son cousas a crear de cero é cando realmente influimos na trama ou na película. Con crear de cero refírome, tirando ao alto, a crear un monstro, un coche espacial raro… entón si influimos porque o noso produto pode influir no guión, no desenvolvemento ou noutro tipo de cousas pero nós o que facemos é facilitarlle o seu traballo ao director, nunca condicionalo.

– Algún día será todo efectos visuais?

Agardo que non! Gústanme as persoas e iso creo que aínda tardará. Hai películas que son puro efectos, 3D de principio a fin, pero mesmo esas producións teñen dobladores, teñen actores, ilustradores, animadores… teñen persoas que poñen parte do seu ser nesa película. Se nos referimos a actores nun croma sen nada máis real, xa existe: esas películas teñen a súa estética e o seu público, pero o resto das películas fanse doutra forma.