A longametraxe Dhogs arrasa nos XVI Premios Mestre Mateo

4 / 03 / 2018

  • A opera prima de Andrés Goteira conquistou 13 galardóns e converteuse no filme máis premiado da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual

Dhogs acaparou 13 Premios Mestre Mateo na gran gala que celebrou a pasada noite no Pazo da Ópera da Coruña e converteuse, así, na produción máis votada da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual. A opera prima de Andrés Goteira conquistou os galardóns á mellor longametraxe e mellor guión, dirección e montaxe para o meirense, que comparte a última con Juan Galiñanes. As e os académicos recoñeceron tamén a interpretación protagonista de Melania Cruz e de Iván Marcos e a interpretación de reparto de María Costas e Antonio Durán “Morris”. Ademais do pleno nas categorías interpretativas, Dhogs gañou tamén os premios á mellor dirección de produción para Suso López, dirección de fotografía para Lucía Catoira Pan, música orixinal para Germán Díaz, dirección de arte para Noelia Vilaboa e son para David Machado e Javier Pato.

Fotofamilia

Outra ópera prima, A batalla descoñecida, neste caso dirixida por unha muller, Paula Cons, gañou o premio ao mellor documental. Moi novos tamén son os Porco Bravú, que gañaron o seu terceiro premio á mellor serie web con Peter Brandon. Matria, de Álvaro Gago, conquistou o de mellor curtametraxe e The neverending wall o de mellor curtametraxe de animación. Conserveiras do noso fixo o propio co de mellor anuncio e Troubled times (Green Day), de Manu Viqueira, co premio ao mellor videoclip.

Serramoura acadou por cuarto ano consecutivo o premio á mellor serie de TV, mentres que A Revista Fin de Semana gañou o de mellor programa de TV e Nieves Rodríguez o de mellor comunicadora polo seu traballo no Vaia Troula! Completa os premios televisivos o de Dani Viqueira Carballal e Veru Rodríguez Rodríguez pola realización de Tesouros no faiado.

Finalmente, Arantxa Domínguez gañou o premio ao mellor vestiario polo seu traballo en Juana de Vega, Vizcondesa do Arado e Chicha Blanco e Vicen Betí o de mellor maquillaxe e perruquería en Os fillos do sol.

PMM2018_MaríaBouzas

Ademais de premiar a excelencia nas producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra “Fernando Rey” e co Premio Especial “José Sellier”. Este ano, as homenaxes foron para os Multicines Norte e para a actriz María Bouzas, que o recolleu na Gala agradecendo o “espazo de liberdade, de creación e de respecto” que é a Academia Galega do Audiovisual e os Premios.

A gala estivo liderada por mulleres en todos os ámbitos. Dirixiuna a directora e dramaturga Marta Pazos e conduciuna a actriz e presentadora Iolanda Muíños, acompañada no escenario polas actrices Paula Pier, Iria Acevedo, Iria Sobrado, Beatriz Serén, Rocío Barrio e Cris Iglesias. Os premios foron entregados por diversas profesionais de diferentes facetas do audiovisual galego: Sonia Méndez (cineasta, actriz e directora do festival Carballo Interplay), Nieves Rodríguez (presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia), Belén Brandido (rexedora de arte e localizadora), Virginia Curiá (directora de cine de animación), Marga Pazos (presentadora do Galicia Noticias da TVG), Giselle Llanio (directora e realizadora), Araceli Gonda (guionista), Alicia Dapena (deseñadora de vestiario), Isabel Rega (foquista), Beli Martínez (produtora e docente), Encarna Alonso (script), Isabel Blanco (delegada da fundación AISGE en Galicia) e Dolores Meijomín (coordinadora de política audiovisual da AGADIC).

Relación de premiados e premiadas
Fotografías da Gala (Óscar Corral/ Rocío Cibes)
A gala íntegra en Youtube
Discurso do presidente da AGA

Etiquetas: