ÚLTIMA SEMANA PARA VISITAR EN FONSECA A MOSTRA ‘BARCELONA, A FACHADA DO CINEMA’

25 / 06 / 2013

A exposición ‘Barcelona, a fachada do cinema’ (‘Barcelona, la façana del cinema’), formada por unha trintena de acuarelas de Josep Marfà pertencentes á Colección Josep M. Queraltó, marchará do Colexio de Fonseca esta fin de semana. A montaxe é froito dun acordo entre a Fundación Aula de Cine, Acadèmia del Cinema Català e a Academia Galega do Audiovisual, coa colaboración da Universidade de Santiago.

A exposición está composta por máis dunha ducia de pinturas de Josep Marfà nas que se retratan as fachadas de cines de Barcelona de diferentes épocas, enmarcadas dentro do impresionismo catalán, desde finais do século XVIII co Teatro Principal Palacio ata Imax Port Vell construído en 1995. Entre as obras seleccionadas inclúense os retratos de tres históricos barceloneses: o pioneiro Fructuós Gelabert (1874-1955); o dramaturgo, poeta e pintor Adrià Gual (1872-1943); e o historiador e crítico Miquel Porter i Moix (1939-2004).

Ademais, en Compostela incorpóranse algunhas novidades como a posibilidade de contemplar a cámara Prevost Francesa que empregou Buster Keaton na película ‘The Cameraman’; o autómata de cinematógrafo Lumière; o proxector de 35mm kinetoscopio de Edison de 1897; a cámara de Ricardo Baños  (década de 1910); dúas lanternas máxicas, varias sombras e o cartel do Teatro Óptico de proxección de C. Émile Reynaud (1889), entre outras pezas.

 

Josep M. Queraltó

Josep M. Queraltó é membro da Academia Española de Cine e Membro de Honra da Acadèmia del Cinema Català. É un dos coleccionistas de aparellos e material cinematográfico máis importantes de Europa. Durante máis de 35 reuniu preto de 20.000 pezas relacionadas coa técnica cinematográfica.

Categoría: Novas
Etiquetas: