TVG AMPLÍA A SÚA OFERTA DE PROGRAMAS E SERIES CON SUBTÍTULOS OPCIONAIS EN GALEGO A TRAVÉS DA TDT

11 / 12 / 2012

Coa finalidade de facer máis accesibles os contidos audiovisuais, a Televisión de Galicia ampliou nas súas dúas canles, TVG e tvG2, a oferta de programas subtitulados en galego a través do sistema opcional que ofrece a tecnoloxía da TDT. Conclúe así un período de probas desenvolvido ao longo de 2012. 

Tras iniciar as emisións con subtítulos opcionais en galego o pasado mes de maio co programa Casamos!, a canle pública galego ofrece agora ás persoas xordas ou ás interesadas en aprender galego coa axuda da televisión a posibilidade de seguir series como Hamburgo 112 nas tardes de luns a venres; Libro de familia os domingos pola noite, e o espazo que lle segue, Grandes lugares; o programa Onde vai a xente, na tarde dos sábados; e os documentais de National Geographic que se emiten os sábados ás 08:00 horas. Os subtítulos pódense atopar utilizando a opción correspondente do menú de TDT dos televisores. Cada programa subtitulado inclúe un aviso visual coa aparición en pantalla dunha icona durante uns segundos ao comezo da emisión.

Atendendo a estes procedementos, os máis pequenos tamén poden seguir a transcrición do fala galega na tvG2 coa serie de animación One Piece, que se inclúe todos os sábados dentro do espazo Xabarín Club. Ademais, estanse incorporando longametraxes coa opción de subtítulos. Algunhas das películas emitidas no período de probas foron La hermandad de los pantalones viajeros, A gran pelexa, Duro de pelar e Vaia par de policías. O obxectivo da Televisión de Galicia é continuar ampliando gradualmente a oferta de contidos con subtítulos. Desde 2010, a canle pública galego está inmerso no Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade de Galicia 2012-2013, entre cuxos compromisos destaca o interese por adaptar os contidos televisivos ao sistema de subtitulado.

Categoría: Novas
Etiquetas: