Televisión Española (TVE) prevé celebrar en 2014 tres comités de selección para proxectos participados pola cadea pública, que incluso poderían chegar a ser catro. Así o confirmou o responsable de Cine e Ficción de TVE, Fernando López Puig, durante un coloquio con produtores do sector audiovisual galego celebrado o pasado venres, día 24, en Santiago de Compostela. Neste encontro, organizado polo Clúster Audiovisual Galego (Clag), López Puig tamén destacou que “TVE é con diferenza a cadea que máis cine español emite”.

Esta sesión, na que participaron máis de trinta profesionais do audiovisual galego, enmarcouse dentro do ciclo de coloquios que o Clag vén realizando desde hai xa máis dun ano, e contou co apoio do Igape, da Consellería de Economía e Industria e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Nesta ocasión, o presidente do Clag, Andrés Barbé, foi o encargado de presentar a López Puig, a quen lle agradeceu a súa presenza en Galicia.

Selección de proxectos Pola súa parte, o director de Cine e Ficción de TVE confirmou a previsión da cadea de “celebrar tres comités de selección para proxectos cinematográficos durante o presente ano: un a finais do mes de marzo ou comezos do de abril, outro a finais de xullo ou en setembro, e o terceiro a finais de novembro”. Segundo López Puig incluso podería chegar a celebrarse un cuarto comité de selección, en función do número de proxectos recibidos e do gasto do orzamento. Neste sentido, o directivo tamén sinalou que o prazo para a recepción de proxectos cerrarase dúas semanas antes de cada reunión do comité, se ben aqueles traballos que se presenten con posterioridade valoraranse na seguinte convocatoria.

Así mesmo, López Puig explicoulles aos asistentes cal é o modus operandi do equipo de cine e ficción de TVE para seleccionar os proxectos nos que participa a cadea pública, respectando sempre a norma que obriga a destinar o 6% dos ingresos de RTVE ao cine español.

En canto ao reparto do importe correspondente a esta porcentaxe, o representante da canle pública explicou que as tres cuartas partes destínanse ao financiamento de longametraxes, e a cuarta parte restante dedícase en cantidades iguais ao apoio ás tvmovies, por un lado, e ás series de animación e aos documentais, por outro.

No caso das películas “premium” (aquelas que se emiten no prime time) o apoio de TVE pode chegar a 1,5 millóns, mentres que para os restantes filmes é dun máximo de 700.000 euros, asegurou. No resto de formatos, as cantidades investidas por cada proxecto son bastante inferiores.

Ademais, o director de Cine e Ficción de TVE centrou boa parte da súa exposición en explicarlles aos produtores galegos que tipos de contidos busca a cadea pública nas producións cinematográficas, entre os que está o fomento das linguas co-oficiais españolas, e os requisitos mínimos que debe posuír cada formato para que sexa ben valorado polo comité de expertos. López Puig aproveitou a oportunidade para aclarar que se ben TVE é unha cadea que debe prestar un servizo público, “esta débese á súa audiencia e ten que buscar a maior rendabilidade posible nos proxectos nos que participa”.

Aínda que a cadea xa ten a emisión cuberta ata finais de 2014, segundo indicou López Puig, este animou aos produtores a que presenten os seus proxectos, aconsellándolles que é importante que teñan en conta o perfil da cadea e o seu target potencial. En determinados proxectos –explicou- TVE busca unha implicación maior a través do “contrato de desenvolvemento”, mediante o cal se pretende garantir a “rendabilidade” da produción. E no caso concreto dos proxectos cinematográficos, o directivo aconsellou que se presenten “cun orzamento claro, un plan de financiamento moi avanzado e un equipo técnico e artístico cerrado”.

Promoción do cine español en TVE Os asistentes aproveitaron a presenza do responsable de cine da cadea pública para reivindicar unha maior e mellor promoción do cine español por parte de TVE. Ante isto, López Puig asegurou que a lei de financiamento obríganos a buscar novas fórmulas para mellorar a promoción do noso cine e “estamos traballando nelo”.

Finalmente, preguntado pola posibilidade de que TVE non emita “tanto cine americano”, López Puig dixo que “TVE é con diferenza a televisión que máis cine español emite”. Aínda que aclarou que se ben é unha cadea pública, tamén é televisión, polo que ten que competir. “O cine americano hoxe en día é moi útil para que a cadea sexa rendible, a través das audiencias”, concluíu.