THE SPINTO BAND ENCABEZAN O CARTEL DE CONCERTOS DE PLAY-DOC 2010

11 / 03 / 2010

O Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebra do 17 ao 21 de marzo, volve apostar forte pola música independente. Así, presenta en concerto o sábado 20 a The Spinto Band, grupo que se deu a coñecer mundialmente co seu grande éxito Oh, Mandy alá polo 2005 e que presentará agora o seu terceiro álbum cun único concerto en España.

O sexteto de Delaware (EUA), visita a cidade pontevedresa co gallo da presentación en Play-Doc da páxina web francesa La Blogothèque, sen dúbida unha das propostas audiovisuais máis interesantes que se poden atopar actualmente na rede. Este espazo virtual converteuse en pouco tempo nunha referencia esencial no tratamento da música nos medios de comunicación. O seu fundador, Christophe Abric, visitará o festival para explicar os detalles dalgunhas das súas apostas máis orixinais, como os Concerts a emporter (Concertos para levar), pequenos “videoclips documentais” que está a revolucionar a maneira na que se filma a música. Confírmano grandes nomes da música como REM, Tom Jones, Arcade Fire, Beirut, e moitos outros, entre eles The Spinto Band, que xa participaron da experiencia.

Por outro banda, e acompañando ao documental Luanda, a Fábrica da Música dos directores Kiluanje Liberdade e Inês Gonçalves, Play-Doc ofrecerá un electrizante directo o venres 19 de marzo de Batida, unha banda formada por músicos procedentes de Luanda e Lisboa, que combina de maneira prodixiosa a música tradicional angolana con sons electrónicos e urbanos.

A contundente aposta de Batida decántase polos ritmos kuduro, a samba electrónica e o rap máis revolucionario, todo isto aderezado con interesantes sesións de vídeo en directo realizadas con material de arquivo dos anos 60 e 70 do país africano. Nesta ocasión, ademais, a banda virá acompañada polo colectivo de danza tradicional angolana Batoto Yetu.

A sección dedicada aos documentais de música complétase nesta sexta edición de Play-Doc coa multipremiada película canadense Rip: A Remix Manifesto de Brett Gaylor. Unha reflexión intelixente, ben elaborada, e non exenta de humor e sentido crítico sobre o modelo de recadación dos dereitos de autor.

As proxeccións serán no Teatro Municipal de Tui a un prezo de 2 euros. Pódese coller un pase para todo o festival por 20 euros. Os concertos custan 10 euros e aplícase un desconto de 2 co pase. Estes serán ás 00:30 horas na sala Metropol, situada en pleno casco histórico de Tui.

Máis información na páxina web do festival www.play-doc.com

Categoría: Novas
Etiquetas: