SELECCIONADAS AS TRINTA CURTAS PARTICIPANTES NO 4º FESTIVAL CREATIVO DE CURTAS ON&OFF

21 / 07 / 2008

Mr. Misto Films rematou a selección dos traballos que participarán na sección oficial do Festival que comeza o martes 29 de xullo e que se clausurará o sábado 2 de agosto, logo de cinco intensos días de actividades audiovisuais e culturais. A organización recibiu preto de medio milleiro de obras de todo o mundo, na que será a edición máis internacional do Festival ata o de agora.
A produtora Mr. Misto Films vén de rematar nestes días a selección de curtametraxes que participarán na sección oficial do 4º Festival Creativo de Curtas On&Off, que se celebrará en Ribadeo entre os días 29 de xullo e 2 de agosto.

A internacionalización do Festival que pretendía a organización nesta edición foi todo un éxito, posto que recibiron preto de cincocentos traballos de 40 nacionalidades diferentes, entre os que se contan obras de Irán, Nixeria, Polonia, Rusia ou Estados Unidos.

Así, o xurado da sección oficial, que estará composto por importantes profesionais do sector audiovisual galego, deberá decidir entre obras de moi diferente factura e sensibilidade para dar cos tres títulos gañadores, un por cada unha das categorías a concurso: Mellor Curta de Ficción, Mellor Curta Documental e Mellor Curta de Animación. Tamén se contempla outorgar un premio á Mellor Curta do Público.

Os gañadores recibirán un premio de 1200 euros, así como a inclusión do seu traballo no programa Redecurtas. A través deste programa, tódalas curtas recibidas pola organización, con independencia de que gañen ou non un premio no Festival, entrarán a formar parte dun cirucuíto de exhibición en diversos puntos da xeografía galega.

Mr. Misto Films e o Concello de Ribadeo contan para a organización do Festival coa colaboración e apoio da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Secretaría Xeral do Benestar da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da mesma institución, da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, da Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria, da Axencia Audiovisual Galega, do Xacobeo, da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, do Ministerio de Igualdad do Goberno de España, do Instituto de la Juventud deste Ministerio, da Fundación Comarcal A Mariña Oriental e de Gadisa.

Os títulos das obras participantes daranse a coñecer nos próximos días.

Para obter unha información máis pormenorizada da programación e actividades do Festival, pode consultarse a páxina www.festivalonoff.com, e tamén www.mrmisto.com.

Categoría: Novas
Etiquetas: