Rodrigo Vázquez e Tamara Canosa anunciarán as candidaturas finalistas dos XVIII Premios Mestre Mateo

3 / 02 / 2020

  • As candidaturas finalistas serán anunciadas o luns 10 de febreiro a partir das 12:30 horas no Teatro Colón da Coruña e poderán ser seguidas en directo nas redes sociais da Academia. 
  • Ámbolos dous presentadores foron galardoados con cadanseu premio Mestre Mateo.

O vindeiro luns 10 de febreiro a partir das 12:30 a actriz Tamara Canosa e o comunicador Rodrigo Vázquez darán a coñecer as obras e profesionais finalistas nas 25 categorías dos premios que outorga a Academia Galega do Audiovisual.  

A lectura pública terá lugar no Teatro Colón da Coruña, e a ela asistirán asociadas e asociados da Academia, membros da xunta directiva, integrantes dos equipos técnicos e artísticos das producións candidatas e demáis profesionais do sector. O evento poderá ser seguido en directo a través das contas de Twitter e Instagram da Academia Galega do Audiovisual. 

As gañadoras daranse a coñecer na tradicional Gala de entrega de premios que se celebrará no Pazo da Ópera da Coruña o vindeiro sábado 7 de marzo, e que será transmitida en directo pola Televisión de Galicia. 

Rodrigo Vázquez

Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela,(USC), iniciou a súa traxectoria profesional en 2008 nos informativos da Televisión de Galicia. En 2014, despois de traballar durante dous anos na Radio Galega, retorna á pequena pantalla, á fronte de programas de entretemento como Aquí Galicia, Oh Happy Day, O país máis grande do mundo, Verbenalia e o concurso Ti verás. Pola súa labor neste último, recibiu o Mestre Mateo ao Mellor Comunicador na pasada edición dos premios. Tamén foi a persoa encargada de retransmitir as campanadas de fin de ano na TVG no ano 2017 desde a Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. 

Tamara Canosa

Os inicios da súa traxectoria están vinculados á lendaria serie de Televisión de Galicia Mareas Vivas. Dende entón participou en ducias de producións teatrais, cinematográficas e televisivas, entre as que se inclúen títulos como Trote, Quen a ferro mata, Entre bateas, Lobos sucios ou Pradolongo. Vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual entre 2015 e 2018, recentemente dirixiu a obra de teatro Liberto coa súa produtora e produciu a última curtametraxe de Xacio Baño, Augas abisais. Resultou galardoada cun premio Mestre Mateo en 2008 como actriz protagonista polo seu papel en Pradolongo.

Etiquetas: