A Academia Galega do Audiovisual celebrou a Xuntanza de Candidatos, un encontro no que se dan cita os finalistas en todas as categorías dos premios Mestre Mateo 2015. Os premios celebrarán o vindeiro 11 de abril, sábado, a súa décimo terceira edición. Será de novo no auditorio Gaivota do Palexco coruñés e voltará a ter como mestre de cerimonias ao showman Roberto Vilar.
Na Xuntanza, presentada pola integrante da directiva da AGA e presentadora da TVG Irene Lourido, sinalouse a vocación dos premios Mestre Mateo por servir de escaparate para todo o sector audiovisual galego.
Roberto Vilar explicou aos candidatos presentes na xuntanza algunhas das liñas xerais da gala que dirixirá, xunto con Toño López, e que presentará o vindeiro 11 de abril. A intención é facer unha gala “rápida, amena e divertida”. Sinalou Vilar que as mesmas candidaturas “xa explican por si mesmas o talento que ten o sector neste momento de madurez”. Apuntou, de cara á gala, dúas liñas. Por unha parte, xunto a el na presentación “estarán outros e outras pintamonas coma min para que todo sexa máis divertido, pero non vos podo dicir quen son porque eles non o saben tampouco. Aínda”. A outra liña serán os seguidores das producións audiovisuais galegas, especialmente as series. Roberto Vilar apuntou que a diferenza de hai uns anos “agora hai fans e mesmo frikis das series galegas igual que hai frikis de Star Wars e este é un valor moi positivo para nós”. O showman sinalou que eses fans das series galegas terán protagonismo na gala dos Mestre Mateo.
A actriz Fely Manzano é a premiada este ano co galardón de honra “Fernando Rey”. Fely recibiu os aplausos dos seus compañeiros de profesión no acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos e ademais de agradecer o recoñecemento aproveitou a súa intervención para reclamar a experiencia como un valor para as producións audiovisuais que se fan en Galicia. Reclamou que as novas series aproveitan a experiencia de intérpretes que levan toda a vida traballando, “está moi ben ver toda esa xente nova traballando nas series e nas películas, pero tamén estaría moi ben ver a todos os que temos outra idade e que podemos seguir facendo moito traballo”.

 

 

roberto_004