Onte día 5 de xuño rematou a rodaxe da longametraxe Sinbad, que coproducen Ficción Producciones e TVG dentro da serie “Un mundo de historias”, creada por Antón Dobao para esta canle de tv. Foi este, precisamente, o director e guionista desta longametraxe baseada na novela de Álvaro Cunqueiro, “Se o vello Sinvad volvese ás illas”.

As tres primeiras semanas, todo o equipo de Ficción Producciones traballaron en Corrubedo, en praias como a de Prado,  Cabío,  Palmeira; no Faro de Corrubedo, no Porto,  en distintas rúas do pobo, como a rúa Bandiarrego, onde se emprazou a casa de Sinbad, a de Alba, e a de Vanesa; a Travesía do Voluntariado, onde estivo a Casa de Aldán, a Taberna de Mansur no porto de Palmeira…

A rodaxe deu comezo o luns 9 de maio, e remata hoxe día 4 de xuño. Foron catro semanas de intenso traballo para o equipo técnico e artístico que integran os equipos da rodaxe e demais procesos habituais, ata chegar ó produto final. Agora comeza o proceso de edición, montaxe e posprodución. 

A derradeira semana de rodaxe foi en Santiago, tanto no Seminario Menor como a Residencia de Anciáns, Chaián, O Milladodoiro, etc…

 

QUE NOS CONTA

Sinbad é, máis que ningunha outra cousa, un extraordinario fabulador, un home que fai participar aos seus interlocutores das experiencias da súas viaxes pasadas, fosen no mundo real, fosen no universo da imaxinación e da fantasía. Comparte os seus coñecementos fantásticos cos seus compañeiros diarios de café e dominó na taberna propiedade de Mansur, un home viúvo que ten ao seu cargo a Sara, a súa filla, de entre dez e trece anos. Sinbad mantén con Sara unha relación moi estreita e afectuosa. Gústalle conversar coa pequena e contarlle historias fantásticas. Acompáñaa ás veces á escola, apréndelle cousas do mar e das estrelas, comparte con ela os seus mapas, etc. Sara é o mellor receptor de todas as historias que narra Sinbad. Cultiva con el unha imaxinación portentosa. Constantemente mostra unha curiosidade e unha perspicacia moi agudas.

 

EQUIPO TÉCNICO 

Antón Dobao é o director do proxecto, así como o  guionista; o argumento foi desenvolvido por Marcos Nine e o propio Antón Dobao; a Música, é de Javier Maneiro e Casa de Tolos; Toni Veiga está á fronte da dirección de Produción; os produtores executivos son Julio Casal e Mamen Quintas. A dirección de fotografía corre a cargo de Suso Bello; o xefe de son é David Machado; a dirección artística dependerá de Curru Garabal; Eva Camino –recentemente galardoada nos Premios Mestre Mateo 2010 polo Mellor Deseño de Vestiario- será a figurinista. Carol Varela e Iris Bautís serán respectivamente as xefas de Maquillaxe e Perruquería. O xefe dos eléctricos é Roberto Quinteiro. A supervisión dos efectos especiais, dependerá de Luís Faraón; o deseño e concepto de integración –e autor do cartaz da película- é David Rubín, e a Montaxe correrá da man de Clara Nieto.

 

EQUIPO ARTÍSTICO

Os papeis protagonistas serán realizados por Xosé Olveira ‘Pico’ –Sinbad-, Sara Casasnovas –Vanesa- e Mariña Sampedro –Sara-. Os actores e actrices secundarios serán Luís Castro Zahera, Laura Ponte, Manolo Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán ‘Morris’, Mariana Carballal, Camila Bossa, María Tasende e Celso Parada. 

E hai tamén colaboracións especiais, que son as de Miquel Ínsua e Mela Casal.

Os actores e actrices de reparto son Monti Castiñeiras, Manolo Lourenzo, Tamara Canosa, Xoel Fernández, Miguel Varela, Xúlio Abonjo, Manuel Lozano, Evaristo Calvo, Guillermo Carbajo, Paulo Rodríguez e María Caparrini.