O Centro Galego de Artes da remata mañá sábado día 29 de xuño (18.00 horas) o ciclo Paisaxes do Romanticismo. En torno a Rosalía de Castro con varios traballos directamente referidos a ela. Hai pouco máis dun ano, o CGAI xa programou unha sesión de homenaxe a Rosalía coa recuperación de dous traballos documentais, Homenaxe a Rosalía de Castro (1939), celebración do centenario da poeta en Buenos Aires que conta cunha intervención de Blanco Amor, e Peregrinaxe lírica aos lugares rosalianos (1951), unha peza doméstica pertencente á familia Beiras que visita os espazos propios da vida e a obra da autora de Cantares gallegos. Ambas a dúas vanse recuperar nesta ocasión. Engadimos tamén a curta de animación de Algarabía Ignotus (2000). A entrada é de balde. Con este pase o CGAI finaliza a súa programación ata setembro.

HOMENAXE A ROSALÍA DE CASTRO    
(España, 1939)
Duración: 8 minutos.  
Con motivo do centenario (1937) do nacimiento de Rosalía de Castro celebrado en Buenos Aires, un filme mudo en 16 milímetros que se cría perdido e apareceu nas dependencias da Casa-Museo Rosalía de Castro. Posiblemente obra de Eligio González, inclúe unha intervención de Eduardo Blanco Amor.

PEREGRINAXE LÍRICA AOS LUGARES ROSALIANOS     
(España, 1951)
Dirección, guión e produción: Alborada Films. Duración: 50 minutos.  
Ou Pelegrinaxe lírica aos lugares rosalianos, unha peza doméstica e descoñecida pertencente á familia Beiras que visita os espazos propios da obra e a vida da poetisa.  

IGNOTUS   
(España, 2000)
Dirección: Virginia Curiá e Tomás Conde. Guión: Daniel Domínguez. Produción: Algarabía Animación, Lúa Films e TVG. Duración: 16 minutos.  
Un neno orfo consegue sobrevivir a fame negra de 1853 coa axuda de Rosalía, unha moza escritora de clase social acomodada, quen lle proporciona alimento e roupa ó rapaz. Esta é unha obra de animación con personaxes de plastilina, na que tamén se ensalza a figura de Manuel Murguía con motivo do día das Letras Galegas de 2000. A historia baséase no relato orixinal homónimo escrito por Murguía e publicado en Los Precursores (1853). Música de Gastón Rodríguez.