COMUNICADO DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL SOBRE A PRODUCIÓN DA SERIE EL FARO

17 / 07 / 2013

Ante o conflito xurdido nas últimas semanas a raíz dos plantexamentos de produción da serie “El Faro”, e tras o debate que tivo lugar durante a última asemblea xeral da nosa Academia; desde a xunta directiva queremos expresar publicamente a nosa profunda preocupación pola situación creada.

 

 Cremos que o respecto á legalidade é esencial, e que os acordos pactados entre as partes, en forma de convenios laborais, deben ser respectados en calquera circunstancia; e que no caso de que calquera das partes propoña, lexitimamente, unha modificación desas condicións pactadas, esa modificación non pode, baixo ningún concepto, ser decidida unilateralmente senón seguindo os pasos necesarios dunha negociación.

 Así mesmo, cremos que as televisións públicas deben promover e velar polo cumprimento dunhas normas xustas entre todos os axentes do sector, aportando solidez ao tecido produtivo, establecendo mecanismos de control que aseguren un uso eficaz e honesto dos recursos públicos e propiciando, como base fundamental do sistema, unha relación de competencia leal entre as distintas empresas. Unha competencia na que os argumentos á hora de elixir provedores non sexan outros que a calidade e a profesionalidade dos mesmos, e que evite situacións que poidan provocar unha precarización do sector.

 É a nosa imaxe a que está en xogo. A imaxe dun sector, no que unha boa parte dos seus membros gañaron a pulso un prestixio a nivel estatal -e mesmo internacional- de talento e de profesionalidade que non debemos permitir que se poña en dúbida. Pois o noso futuro, en grandísima medida, depende da nosa capacidade de convencer ao mundo de que aquí, en Galicia, sabemos e podemos producir obras audiovisuais de calidade.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: