REFLEXIÓNS DA SOCIA, MARÍA BOUZAS, EN TORNO AO BORRADOR-PROPOSTA DE BAREMO PARA UNHA PRODUCIÓN OU COPRODUCIÓN MAIORITARIA GALEGA

16 / 01 / 2006

Estimados compañeiros, hai tempo que cuestións estrictamente persoais e pasaxeiras me manteñen alonxada de acontecementos, debates, estreas, premios, foros…;en torno ó audiovisual e ó teatro. Procuro, na medida do posible, manterme informada a través dos diferentes e afortunadamente diversos medios de comunicación. Creo que, por fin, chegamos a un momento crucial para a consolidación da nosa Industria Audiovisual e consecuentemente quixera facervos chegar, a todos, desde a miña máis absoluta sinceridade unhas reflexións acerca do borrador-proposta enviado por Manolo González. Reflexións en torno ó borrador-proposta de baremo para Producción ou Coproducción Maioritaria Galega.
Estimados compañeiros, hai tempo que cuestións estrictamente persoais e pasaxeiras me manteñen alonxada de acontecementos, debates, estreas, premios, foros…;en torno ó audiovisual e ó teatro. Procuro, na medida do posible, manterme informada a través dos diferentes e afortunadamente diversos medios de comunicación. Creo que, por fin, chegamos a un momento crucial para a consolidación da nosa Industria Audiovisual e consecuentemente quixera facervos chegar, a todos, desde a miña máis absoluta sinceridade unhas reflexións acerca do borrador-proposta enviado por Manolo González. Reflexións que parten da importancia que para min ten o meu oficio, actriz, e asimesmo da importancia da cultura como conxunto de valores e crenzas na miña vida e creo que na de calquer ser humano.
Por fin temos aí a oportunidade de opinar sobre algo, ó meu ver, absolutamente crucial nas nosas vidas: o futuro do audiovisual no noso país. E sí, dixen vidas, porque creo que estes oficios nosos ós que dedicamos moito máis dunha xornada laboral nos implican dunha maneira vital, nos absorben, nos comprometen, esixen moita responsabilidade, creatividade e impregnan toda a nosa cotidianeidade, a nosa maneira de ser e estar no mundo.
Quixera expresarlle a Manolo González, o meu máis sincero agradecemento por darnos dunha maneira tan directa esta oportunidade: a de opinar. E sei que podo facelo sen as engañosas; diplomacias políticamente correctas; do que se debe dicir ou non, porque pode molestar ou ofender. Diplomacias ó meu ver totalmente equivocadas, relativismos estériles, que no pasado só serviron para manter un clientelismo coa administración, no mellor dos casos de pura supervivencia, e que culturalmente resulta ser absolutamente estéril e empobrecedor para un país. Noraboa polo tanto tamén á Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, Televisión de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte e ó Foro Academia Aberta por poñer este asunto sobre a mesa. Espero que este borrador-proposta lle sexa tamén presentado ás asociacións que aglutinan algúns dos oficios audiovisuais (directores, productores, guionistas, actores) xa que non tódolos profesionais deste país son socios da nosa Academia. Supoño que non vai ser nada doado sacar adiante este baremo e contentar á maior parte da profesión, pero creo que hai que literalmente sentarse e dialogar dende a pluralidade e a tolerancia. Por isto mesmo non comparto que este borrador que nos fixo chegar a Academia se califique de documento interno. É eso, un borrador, un punto de partida que implica a todo un sector calificado como estratéxico; supoño que (aínda que así sexa moito máis laborioso) interesa escoitar a tódolos sectores, necesitamos espazos de debate, sesións de duro traballo. Nunca comprendín que se poida calificar de asunto interno, calquer asunto que teña que ver con cartos públicos, de todos.

Ó ler este documento, consciente do difícil que debeu ser atopar xa só un punto de partida, surxíronme varias dúbidas, preocupacións e inquedanzas:
*O noso idioma, o galego. Sí, xa estamos con este delicado asunto. Quén ben me coñece sabe que son unha defensora do noso idioma e da nosa cultura. Evidentemente debe poder rodar en galego quen así o desexe ou quizais sexa mellor dicir, se atreva, tendo en conta as leis do mercado audiovisual. Creo que tal e como acontece en Cataluña, o cine rodado en galego precisa dun apoio para poder defenderse na selva da distribución pero, e aquí ven a miña moi real preocupación, creo que nunca a costa das películas rodadas noutro idioma. Penso que o camiño non é privilexiar a unha producción por rodarense en galego, competindo na mesma partida presupostaria coas outras. Non me queda claro se isto é o que propon o borrador Ó longo destes anos formouse un tecido industrial non só con capital galego, moitas productoras foráneas invertiron, axudaron a crear industria. Preocúpame que productores de Madrid, Barcelona ou de onde sexan non vexan rentable rodar aquí. Precisamos do seu capital se queremos un sector forte, tan forte que poidamos rodar en galego cando queiramos.
Preocúpame, (e non estou afirmando que esa sexa a intención do borrador, pero ó igual que me pasou a min ó lelo pode pasarlle a calquera que o vexa) que esta vía de defensa da película rodada en galego produza un illamento, illamento financeiro, creativo, cultural e eu creo profundamente na pluralidade e no enriquecemento das culturas. Defender a identidade, sí, pero posibilitar sempre o intercambio, a coproducción, senón, deixamos de existir como sector. Casualmente publicouse unha entrevista no suplemento do País Semanal (24-12-05) con Giovanni Sartori, na que expon brevemente a súa opinión sobre o binomio multiculturalismo-pluralismo, creo que resulta moi interesante ó caso.
¿Cómo estructurar un baremo que non estableza agravios comparativos en ningún dos casos? Sinceramente, non o sei. Pero hai talento e vontade neste país para sentarse, debatir e definir.
Por outro lado espero que non vos escandalicedes se vos confeso que como actriz me encantaría rodar en galego, en castelán, (e xa que os domino e por unha vez non me da vergonza dicilo) en alemán, en francés e en inglés. Ó igual que considero que a inversión (os cartos) non teñen nacionalidade, o meu oficio tampouco; son actriz e ademáis son galega. A nacionalidade ou non, a miña ideoloxía pertence á miña vida persoal. Honestamente nunca crín na politización da cultura, veña de onde veña e por eso sempre defendín a independenza de calquera institución que nos represente ou a maior obxectividade posible de calquera lei que regule a infraestructura e axudas que precisamos para traballar.
Un último apuntamento respecto ó idioma. Posiblemente non o entendín ben, e preguntoo sen ironía: ¿No baremo das películas de animación non se ten en conta o idioma? ¿Por qué? Os debuxos en principio son mudos. ¿Resulta ser igual de efectivo un primeiro lanzamento dobrado por grandes actores en galego que en castelán, inglés…? ¿Faise todo ó mesmo tempo? Puxen por grandes actores porque a voz dun debuxo animado é un traballo moi apetecible e desexado para nós. Polo que vexo, últimamente, importa moito que apareza o actor co debuxo ó que lle pon voz nas campañas de promoción. Sinceramente aínda non podemos competir coa voz e a cara de Cruz y Raya ¿non? A animación é un sector importantísimo e afortunadamente de gran calidade neste país, pero non me queda clara a relación en canto a reparto de puntos da longametraxe de imaxe real-longametraxe de animación.

Agora de verdade unha última pregunta-desexo sobre a cuestión idiomática: ¿E se alguén decide producir e non dobrar unha película na que se falen varios idiomas? Véxase en España Nubes de verano de Felipe Vega (catalán-castelán), o director conseguiu co apoio dos productores non dobrala nin a un idioma nin ó outro; polo mundo adiante hai moitos máis exemplos.

*A outra cuestión que me preocupou ten que ver cos baremos propostos para os equipos técnico-artísticos e para as empresas galegas (apto. 2.1.2.). Vaia por diante a miña admiración e aprecio para todos eles; os que me coñecen saben que procuro practicar a crítica constructiva e non a descalificación.
Voume referir neste caso só ás longametraxes de Imaxe Real. O acabado técnico impecable dos productos resulta ser unha necesidade vital para a industria audiovisual. Este depende por unha parte das persoas que o realizan e por outra parte das empresas que ofrecen os servizos. Creo que os oficios que integran os equipos técnico-artísticos precisan dunha formación continuada, isto é, ó meu ver, que non paren de traballar en proxectos e que teñan a posibilidade de seguir enriquecéndose e aprendendo se así o consideran. Nesto coincidimos os actores, que non en vano dicimos que sempre estamos aprendendo, non é un dicir, é unha realidade. E aprendemos todos de todos, actores, directores, maquinistas, sonidistas…aprendemos oficio e a estar no cine, e en equipo, unha das realidades máis fermosas que se dá nas rodaxes. E sobre todo aprendemos, todos, dos que teñen máis formación e experiencia. Se son galegos magnífico. ¿E se non o son?
Un bo técnico realiza o seu traballo con calidade ó menor coste posible.Os xefes de equipo son fundamentais, transmiten, e polo tanto seguen formando (a base dos nosos oficios apréndese nas escolas pero ben sabemos todos o que significa a práctica no audiovisual). Evidentemente hai valiosos xefes de equipo no noso país. Pero preocúpame que neste baremo poida puntuar máis alguén polo feito de ter nacido aquí ou ter establecido a súa residendia dende hai máis de dous anos. Poño por caso, ¿vai puntuar máis un director de fotografía galego que Alcaine, Aguirresarobe ou xa postos a soñar Storaro?
Os actores estamos afeitos a realizar continuamente “castings”, é moi molesto, por dicir algo agradable. Pero, pola miña parte, tamén sei que moitas veces é necesario e proporciona a tranquilidade de poder contar coa confianza e complicidade do director e do productor se interpreto unha personaxe. Quizais, nalgúns casos concretos, poida importar o lugar de nacemento do actor, pero pódovos asegurar que á hora de decidir o reparto, ese non é o factor determinante.¿Non debería ser así co resto dos departamentos? ¿Por qué resulta puntuable a nacionalidade se o profesional en cuestión está cualificado? Considero que aquí hai técnicos-creativos de sobra preparados e outros non tanto ou quizáis dependa da envergadura do proxecto. En todo caso se alguén é galego e non está preparado para desenvolver un dos oficios que aparecen no baremo ¿qué facemos enganandoo e facendolle crer que o está, en vez de propiciar que siga formándose?. Os actores (non quero parecer presuntuosa facendo referencia continua ó noso colectivo, pero é o que mellor coñezo evidentemente) estamos afeitos a non ser seleccionados nun reparto ou a non interpretar a personaxe que queríamos, e non por eso deixamos o oficio, seguimos e seguimos e seguimos. Creo que ser autocrítico é absolutamente necesario, enriquece; o autoengano estanca e como moito permite un leve benestar material. ¿Non é importante formar técnicos-creativos de altísima calidade que poidan traballar non só en Galiza senon en calquera parte do mundo? ¿Non revertiría iso na riqueza do audiovisual feito en Galiza? ¿Na formación de novas xeracións? Por suposto promoción de técnicos e xefes de equipo galegos pero non nos pechemos ós grandes mestres. Sei que xa se rodaron longametraxes con equipos prácticamente galegos e que técnicos galegos traballan fóra, pero de momento non deixan de ser ocasións puntuais, ou profesionais que nunca máis volven aquí. ¿Cómo se pode propiciar que isto non aconteza dentro dun baremo?
Da preparación dos técnicos segue a esixencia destes para coas empresas de servizos. Estas dependen para o seu desenvolvemento de ter un traballo continuo que lles permita os ingresos suficientes para invertir en material novo e en persoal cualificado. As inversións nas empresas de servizos son elevadas e requiren dunha renovación constante, polo tanto só se poden establecer empresas con certa solvencia nos lugares nos que a producción é continua e abundante. Polo que insisto na importancia de atraer a productoras veñan de onde veñan para traballaren aquí. Claro que hai empresas de servizos en Galiza, pero sexamos realistas,¿ se se trata dunha rodaxe de envergadura, de onde ven o material, ou o capital que avala ese material? De fóra. ¿Iso é preocupante? Eu creo que en absoluto. Xa existe, afortunadamente, un plató de gravación de son potentísimo en Galiza e xa está sendo utilizado, que eu saiba, por productoras que non son do país para películas que non son galegas baixo ningún tipo de prisma, pois estupendo. En canto á posproducción-montaxe, creo que para cine só existen laboratorios en Madrid e Barcelona. Pódese montar en Galiza, iso sí. ¿Por qué aparece no baremo o apartado Posproducción-montaxe se aquí aínda non é viable?

E xa me despido. Quixen enviarvos estas reflexións que carecen do rigor dunha análise pormenorizada. Son as primeiras sinceras preocupacións que me apareceron ó ler o documento. Repito que son consciente da complicación e complexidade, do esforzo que supón elaborar un baremo. Creo que só dende unha análise sincera e honesta da situación do audiovisual, afastada de intereses particulares, se poden establecer unhas regras de xogo que regulen as axudas para que estas sirvan de estímulo para a consolidación do audiovisual do país e para que eviten un mal que sempre ronda os nosos oficios: comida para hoxe (moita para algúns) e fame para mañá (para todos).

Grazas por lerme e feliz 2006
Unha aperta
María Bouzas

Categoría: Novas
Etiquetas: