14 PRODUTORAS GALEGAS ACODEN AO MERCADO VENTANA SUR DE BÓS AIRES

1 / 12 / 2011

A Xunta de Galicia promove a internacionalización do audiovisual galego no mercado Ventana Sur, que se celebrará do 2 ao 6 de decembro en Bós Aires (Arxentina). O Consorcio Audiovisual de Galicia lidera unha delegación de 14 empresas audiovisuais galegas que buscarán alí novas iniciativas de negocio mediante o contacto con produtoras latinoamericanas. Esta iniciativa conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), ao amparo do convenio entre as dúas institucións para a internacionalización do sector. .

As 14 empresas galegas que acoden ao mercado Ventana Sur arxentino da man do Consorcio Audiovisual de Galicia son Continental Producciones, Frida Films, Tic Tac Producciones, Adivina Producciones, Artemática, Ficción Producciones, IB Cinema, Cinemar Producciones, TV 7, Maruxiña Films, Mimbre Films, El Rayo Verde, Matriuska Producciones e Xamalú Filmes. Ventana Sur acollerá diversas actuacións promovidas polo Consorcio, entre as que destaca a proxección en pases de mercado (screenings) das películas galegas con coproducción latinoamericana realizadas entre 2010 e 2011. O Consorcio incluíu 5 das 14 películas españolas que se presentan nestes pases dirixidos exclusivamente a compradores e vendedores do producto audiovisual. Ao mesmo tempo, durante o mercado de Bós Aires presentarase oficialmente o catálogo de produccións “Films from Galicia 2012” ante institucións, periodistas de prensa especializada e compradores.

En paralelo, o Consorcio Audiovisual de Galicia organizará dous encontros dos produtores galegos con produtores de tódolos países representados no mercado, por unha parte, e con produtores procedentes de Brasil, por outra. A través destas reunións, as 14 empresas galegas asistentes terán a posibilidade de establecer contactos para a coprodución de proxectos ou a busca de novos formatos de traballo. Ventana Sur é un mercado de recente creación, promovido polo INCAA (Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais) de Arxentina en asociación coa organización responsable do Marché du Film de Cannes, o maior mercado cinematográfico a nivel mundial. Neste foro danse cita un gran número de empresas produtoras de tódolos países da área latinoamericana, xunto con uns 400 compradores e vendedores de produto audiovisual de todo o mundo.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: