PRESENTADA A PLATAFORMA TECNOLÓXICA AUDIOVISUAL GALEGA

10 / 11 / 2008

Máis de 70 profesionais, procedentes de empresas, institucións, universidades e centros tecnolóxicos, asistiron o pasado venres en Santiago á presentación da Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega, i+dea, liderada polo Clúster Audiovisual Galego, nun acto que estivo presidido polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o presidente da plataforma, Antón Reixa.
Na sesión interviron o director xeral de I+D da Xunta de Galicia, Salustiano Mato; o director do Grupo de Aplicación de Telecomunicacións Audiovisuais da Universidade Politécnica de Madrid, Jose Manuel Menéndez; o conselleiro técnico da Dirección Xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Jesús Cañadas; o secretario da Plataforma Tecnolóxica Española de tecnoloxías Audiovisuais en Rede, eNEM, e membro de AETIC, Julián Seseña; o director de TVG, Jesús Iglesias; e o coordinador da Plataforma Tecnolóxica Valenciana de Tecnoloxías Audiovisuais en Rede, Vicente de Gracia.

A misión de i+dea, segundo explicou o conselleiro, Fernando Blanco, é “facilitar o vínculo e intercambio de coñecementos entre empresas e asociacións empresariais, centros tecnolóxicos, organismos institucionais e grupos de investigación universitarios”. Entre os obxectivos da plataforma está mobilizar unha masa crítica de investigación, desenvolvemento e innovación que potencie grandes proxectos cooperativos e que supoña avances tecnolóxicos no audiovisual galego.

No acto tamén se presentou a Axenda Estratéxica de Investigación da plataforma, que define as súas prioridades no ámbito da I+D+i para o sector, á que Reixa, presidente do CLAG e de i+dea, referiuse como “ a folla de ruta para definir e mobilizar as iniciativas e os proxectos cooperativos no ámbito de I+D+i”, sempre co obxectivo de que o audiovisual de Galicia aumente a competitividade internacional “cunha inmersión efectiva na nova cultura dixital”.

Antón Reixa destacou que i+dea ten a vontade de establecer “un diálogo estable e fluído para abordar con solvencia a auténtica revolución que está vivindo a industria audiovisual”. Mostrouse convencido de que será o esforzo conxunto o que permitirá “innovar en maiúsculas e pór en práctica as mellores ideas” e de que, a través dun funcionamento “transparente e integrador, fortalecerase a industria audiovisual galega ante o novo contexto dixital.

Cinco grupos de traballo

A Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega conta con 77 socios (empresas, centros tecnolóxicos, grupos universitarios, entidades públicas, organizacións empresariais e unha fundación. Desta forma, a Plataforma queda integrada polos estamentos científicos, tecnolóxicos e industriais do sector e a propia Administración, con capacidade para consensuar estratexias en Galicia en investigación e desenvolvemento tecnolóxico do audiovisual, e identificar, definir tendencias e explorar nuvas e emerxentes oportunidades de investigación que teñan un impacto real no tecido industrial galego.

A Plataforma estrutúrase en cinco grupos de traballo: contidos e formatos interactivos, animación e xogos, sistemas avanzados para a produción audiovisual, alta definición e “virtual learning”. As liñas de traballo fundamentais son catro: contidos, servizos e aplicacións, infraestruturas e redes, terminais e dispositivos de usuario.

O desenvolvemento destas catro liñas estruturarase en tres áreas transversais de actuación: área de infraestrutura de soporte, que dará cobertura ao servizo de vixilancia tecnolóxica, paneis de expertos e unidade de apoio á I+D+i; área de capacitación de recursos humanos, que dará relevancia á formación dos profesionais do sector, definindo modelos formativos, identificando novas cualificaciones e sensibilizando sobre a importancia da I+D+i no sector; e o programa de cooperación e relacións internacionais, encargado de coordinar i+dea coas outras plataformas tecnolóxicas e estimular a participación dos membros en proxectos e consorcios de ámbito internacional.

Precisamente, todos os expertos apelaron a ese espíritu colaborativo entre todas as plataformas autonómicas, estatal e comunitaria como clave para o futuro do sector. En palabras de Salustiano Mato, que cualificou a Plataforma i+dea como “unha fábrica de iniciativas innovadoras” a estratexia pasa “pola penetración noutras plataformas e lobbies europeos”. Pola súa banda, Julián Seseña mostrouse convencido de que i+dea “fortalecerá a plataforma española, eNEM, e a comunitaria, NEM” e suxeriu como interesante liña de traballo o desenvolvemento de motores de procura de contidos audiovisuais. O director de TVG, Jesús Iglesias, considera que o actual momento de “vertigo tecnolóxico” describe un escenario que obriga ás Tvs autonómicas e locais a facer televisión de proximidade, para ser competitivos en termos de audiencia e ofrecer un produto diferenciado e próximo á cultura dos espectadores. E Vicente de Gracia anunciou que o próximo mes de decembro será presentada a Plataforma Tecnolóxica Valenciana de Tecnoloxías Audiovisuais en Rede, tras un longo proceso ata a súa creación.

Categoría: Novas
Etiquetas: