A décimo novena edición do Festival de Cine Internacional de Ourense foi presentada en rolda de prensa esta mañá coa presenza de Agustín Fernández, alcalde de Ourense, Ana Garrido, concelleira de Cultura e Educación, Nora Sola, directora do 19OUFF, César Silva, coordinador de programación do 19OUFF, Jacobo Sutil, presidente da AGADIC, Rogelio Martínez, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e representantes dos patrocinadores do evento.

O festival, que se desenvolverá entre o 15 e o 23 de novembro, chega aos 19 anos “nun estado de saúde envexable”, tal e como apuntou o alcalde da cidade, Agustín Fernández, que considera que “o cine é fundamental para a transmisión da cultura e un dos principais elementos dinamizadores desta cidade a prol do pensamento crítico”, co que concordou a concelleira de Cultura e Educación, Ana Garrido. O rexedor ourensán fixo tamén fincapé en que “todos os esforzos que se sumen para conseguir que en todo o mundo se ligue o nome da cidade de Ourense á cultura é un acerto”.

Sutil, pola súa parte, celebrou o próximo inicio do festival, “unha cita que facilita o encontro entre os espectadores e unha ampla oferta de proxeccións internacionais que axuda á promoción do cine galego”.

O delegado xeral de Galicia de Gas Natural Fenosa, Manuel Fernández Pellicer, compañía patrocinadora do festival por primeira vez, apuntou que “o seu apoio a esta importante cita anual do cine independente é froito do compromiso que ten a compañía dende hai anos coa sétima arte, así como da súa importante presenza empresarial e compromiso con Galicia”. Tamén anunciou que para vincular o seu apoio ao festival coa última aposta da compañía pola produción cinematográfica, o proxecto Cinergía, “decidiron proxectar unha das curtametraxes de Cinergía, concretamente a curta 1:58, do director de orixe ourensá Rodrigo Cortés, na gala de clausura no certame, que terá lugar o próximo día 22 de novembro”.

 

Espazos do 19OUFF

O coordinador de programación, César Silva, destacou o Auditorio Principal como principal sede do festival, pero sen esquecerse dos outros tres que se lle suman nesta edición: o Teatro Principal, o Centro Cultural Marcos Valcárcel e o Centro Cultural Ánxel Valente, onde terán lugar as Sesións lixeiras, unha das actividades estreadas este ano.

Falou tamén dunha Competición Oficial na que se “remarca a identidade do festival, na que predomina o cine social e que reivindica os dereitos humanos e a multiculturalidade”. Estamos ante unha escolla de filmes que reflicten nas súas liñas argumentais “problemáticas, emigración, relacións de parella ou a busca da propia identidade” e que farán que o público se identifique perfectamente dende o primeiro momento.

 

Presentación do xurado oficial

Nora Sola, a directora do festival, presentou ao xurado internacional do 19OUFF, este ano cunha notable presenza galega entre os seus membros. Os representantes do sector audiovisual que decidirán o reparto das Calpurnias este ano serán Toni d’Angela, crítico e programador de cine; Teresa Fernández Valdés, unha das cinco showrunners máis poderosas de Europa e cofundadora de Bambú Producciones; Carlos Iglesias, actor, guionista e director; Isabel Blanco, actriz e presentadora; Xavier Villaverde, director, realizador, guionista e cofundador de Continental Producións; e Moncho Lemos, xornalista cinematográfico e crítico musical.

 

Servizos e actividades

Todas as actividades e proxeccións de fóra do Auditorio Municipal serán de carácter gratuíto. Para poder acceder a el, o Concello porá a disposición da cidadanía un servizo de autobuses diarios que sairán dende o Parque de San Lázaro media hora antes da proxección de cada filme mantendo así un horario de saídas ás 17h00, 19h30 e 22h00, e un de volta ás 19h20, ás 21h50 e ás 00h45. Do mesmo xeito, daránselle todas as facilidades posibles a todos aqueles que acudan ao festival dende fóra da cidade grazas a un desconto do 30% sobre o prezo do traxecto se deciden viaxar en tren con Renfe. Os interesados poden descargar o formulario na nosa páxina web www.ouff.org. Este ano tamén se recuperará o Servizo de Crianzas iniciado o ano pasado no Auditorio Municipal para que, grazas á Concellería de Educación, os nenos de 3 a 12 anos poidan ser atendidos durante as proxeccións en horario de 17h00 a 22h00.

 

Entradas

Para as proxeccións no Auditorio Municipal, as entradas poranse á venda a partir do día 11 ás 00h00 de forma telemática a través da páxina web http://entradas.abanca.es/. Tamén se poderán adquirir na billeteira do Auditorio Municipal a partires do sábado 15 en horario de 17h30 a 20h30, e o resto dos días en horario de 12h00 a 14h00 polas mañás e de 16h30 a 20h30 polas tardes. O prezo será de 3€ por sesión (agás os bonos de 5 películas, que serán a 12€ e para os clientes de Abanca, a un prezo reducido de 10€).

Para a gala inaugural, na que se proxectará A esmorga, o procedemento será o mesmo: as entradas poranse á venda o día 11 a partir das 00h00, pero neste caso o único xeito de adquirilas será na páxina web de entradas de Abanca. Non haberá venda física.