O 7 de xullo comezou en Cambados un circuíto de proxeccións da película de Ignacio Vilar, a máis vista da historia do audiovisual galego. Os pases, gratuitos e ó aire libre, chegarán ata 70 aldeas, vilas e cidades galegas e portuguesas ata mediados do mes de setembro.
Mr. Misto Films, en colaboración coas Deputacións Provinciais da Coruña e Lugo, co Xacobeo, co Plan de Dinamización do Produto Turístico Ferrol-Ortegal, coa Axencia Audiovisual Galega, coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, coa Consellería de Cultura e Deporte da mesma institución, e co patrocinio de Gadisa, vén de poñer en marcha un circuíto de proxeccións do filme Pradolongo, do director Ignacio Vilar e producido por Vía Láctea Filmes, que tamén colabora no proxecto.

Na súa primeira semana, o proxecto foi todo un éxito de público, polo que a produtora vilagarciá confía en chegar a incrementar en 16.000 persoas os 45.000 espectadores que Pradolongo acadou xa dende súa estrea en salas o pasado mes de marzo.

Para iso, pretenden encandilar ó espectador cun espectacular sistema de proxección en alta definición con soporte en enormes pantallas xigantes, co que se consegue unha alta calidade e definición visual e sonora, e que polas súas características técnicas resulta especialmente axeitado para a proxección en exteriores que se prevé para os 70 pases que ata o momento integran este ambicioso proxecto.

Os pases, gratuítos e ó aire libre, están a experimentar unha calorosa acollida por parte do público galego, que non quere deixar pasar a oportunidade de asistir a unha proxección de calidade para un filme de calidade que está a rachar con todas as expectativas iniciais do seu equipo técnico e artístico.

A película está protagonizada polos actores novos Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto, e narra o seu tránsito da adolescencia á idade adulta, cunha historia de amizade, amor e intereses económicos como trasfondo. A rodaxe tivo lugar na comarca ourensá de Valdeorras, integramente en galego, entre os meses de agosto e setembro de 2007 e cun equipo técnico practicamente galego na súa totalidade.

Isto vén a demostrar que a creación audiovisual galega pasa por un bo momento, e que se poden facer con éxito historias galegas, en galego, que cheguen a maravillar ó público, como sen dúbida está a facer Pradolongo.

Ademais, Zeltia Montes, compositora da banda sonora de Pradolongo, acaba de gañar o Premio Jerry Goldsmith á Mellor Música en Formato de Longa Duración, outorgado no Congreso Internacional de Música de Cine Ciudad de Úbeda.

Esta fin de semana Pradolongo chegará ata Vilamartín de Valdeorras o sábado 19 ás 23 horas, na Praza A Rodeleira, e ata o Campamento Xuvenil de Pontemaril, en Forcarei (Pontevedra), o domingo 20 ás 22:30 horas.

O calendario previsto para a semana próxima (luns 21 a venres 27 de xullo) contempla as seguintes proxeccións:

– Luns 21 de xullo: Fene (A Coruña), ás 22:30 horas na Praza do Concello; Campamento Xuvenil de Entrimo (Ourense), ás 22:30 horas.

– Martes 22 de xullo: Vilanova da Cerveira (Portugal), ás 22:00 horas, con lugar aínda por determinar.

– Xoves 24 de xullo: Campamento Xuvenil de Gandarío (Bergondo, A Coruña), ás 22:30 horas; Sarria (Lugo), ás 23 horas na Praza da Vila.

– Venres 25 de xullo: Guntín (Lugo), ás 23 horas na Praza da Igrexa.

– Sábado 26 de xullo: Campamento Xuvenil Area (Viveiro, Lugo), ás 22:30 horas; A Fonsagrada (Lugo), ás 22:30 horas na Praza da Igrexa de Santa María.

– Domingo 27 de xullo: Cedeira (A Coruña), ás 22:30 horas na Praza Roxa; Sanxenxo (Pontevedra), ás 23 horas na Praia de Silgar.

O calendario completo de proxeccións pode consultarse nas páxinas www.pradolongo.net e www.meupradolongo.com. Tamén se pode consultar a páxina www.mrmisto.com, para máis información sobre a produtora.