Anuario 2009-2010

Achegamos un novo número de Papeis da Academia, o cuarto, no que tentamos amosar o que fomos, fixemos e pensamos ao longo do pasado curso 2009-2010.

Un número que pretende ser un instrumento máis que contribúa á primordial función da nosa Academia: o coñecemento. Nel pretendemos amosar como somos, como nos ven e como nos vemos. Como todos sabedes e por razóns coñecidas de todos, este curso resultou ser duro e difícil. Como Academia mantivemos encontros e debates coa administración, fluidos pero tamén coa seriedade e firmeza que consideramos que requiren situacións como a que estamos a pasar. Encontros e debates nos que sempre defendemos a idea de que o audiovisual é un sector estratéxico para o noso país, con creadores e profesionais cada vez máis prestixiados e valorados tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.

Tentamos tamén, e seguimos con esa teima, a unidade e o diálogo con todas as asociacións e colectivos que conformamos o sector, na defensa dos nosos intereses comúns, mantendo a pretensión de ser a casa común de todos os que traballamos en e a prol do audiovisual galego. Seguimos coa ilusión de manter e mellorar esta casa común e animamos a moitos que aínda non están nela a que participen connosco.

Seguramente aínda nos agarden momentos duros e difíciles. Continuaremos con ánimo o noso apaixoante traballo e queremos agradecer a colaboración de todos os que contribuídes a que estes PAPEIS sexan unha realidade (a administración, colaboradores, elaboradores de contidos, etc.).

Agardamos que cada vez se xunten máis voces para que nos vindeiros Papeis o retrato de nós mesmos teña maior definición. A Academia será o que os académicos queiramos que sexa.

Unha aperta para todos e que o curso vindeiro nos sexa propicio.

Documentos:

Anuario 2009-2010 (PDF)