Anuario 2006-2007

Papeis da Academia nace para ser un instrumento máis que contribúa á mellor función que a Academia Galega do Audiovisual pode ter: a do coñecemento. Xunto con documentos que gardan memoria dun ano de audiovisual galego, o que vai dende maio de 2006 a xuño 2007, Papeis ofrécenos unha oportunidade que habemos coidar, a de dar testemuño desde o ámbito académico de qué e cómo somos, cómo nos ven e cómo vemos.

A transición dos debates que a Academia acolleu para reflexionar sobre o estado das cousas do noso audiovisual forma parte dese testemuño.

E tamén o fan as colaboracións que varios membros da Academia enviaron. Papeis da Academia debe ser, sobre todo, unha publicación construída coas achegas do seu principal – único- patrimonio: os académicos. Todos fomos convidados a participar en liberdade, cadaquén coa súa opinión , co seu tema, co seu ton.

Este é o primeiro número. E han de vir máis. Estamos certos de que, coa experiencia deste primeiro paso, no vindeiro número haberá máis voces. Precisámolas. Todas son necesarias. Vivimos un país e un tempo nos que por veces se volve frecuente un silenzo que pouco ten que ver coa discreción, o que xorde do temor a que falar comprometa. Cando, seguramente, nada compromete tanto coma ese silenzo.

Papeis debe ser reflexo da gran pluralidade – de pensamento e de obra – que acolle a Academia.

Co desexo de ánimo e sorte para continuar co apaixonante traballo que nos é común, co agradecemento a quen nos apoia nesta iniciativa – institucións e empresas anunciantes- e co recoñecemento aos que elaboraron os contidos que veñen a continuación, emprázovos a unha nova entrega dos Papeis da Academia, a do ano que vén, que recolla o que agora, todos , estamos a facer.

 

Documentos:

Anuario 2006-2007 (PDF)

Categoría: 2007 / Publicacións