O Círculo Recreativo Cultural de O Porriño acolleu esta mañá a presentación de Doentes, a longametraxe cento por cento galega que se estreará mañá ás 21h, dentro da programación do VIII Festival de Cans, antes de chegar ás salas de cine do Estado, o venres 20. O filme, baseado nunha obra homónima de Roberto Vidal Bolaño, está protagonizado por Antonio Durán Morris e Xosé Manuel Olveira Pico, que estarán mañá no Porriño. Acompañaranos gran parte do elenco da película, do que tamén forman parte Ernesto Chao, Rosa Álvarez, Farruco Castromán, Gonzalo Uriarte, Mónica Caamaño, Antela Cid e Zé Paredes, entre outros. O equipo da película participará, antes da proxección, no xa tradicional desfile de chimpíns. Ademais, Bieito Romero ofrecerá unha actuación especial cos temas da banda sonora da película, que compuxo el mesmo.

O produtor Antón Reixa, que tamén estará mañá no Porriño, asegurou na presentación que na estrea de Doentes conflúen dúas das súas paixóns: o Festival de Cans e o talento de Gustavo Balza. Do Festival de Cans, Reixa salientou “a colaboración veciñal, a alegría da xente e o amor polo audiovisual galego”, mentres que, sobre o director de Doentes, dixo que “a película naceu da súa intuición para descubrir o que había de cinematográfico no texto de Vidal Bolaño e medrou grazas á súa brillantez, ao seu talento, o seu esforzo, a súa humildade e a súa paixón”.

Pola súa banda, Gustavo Balza amosou “curiosidade” por coñecer o Festival de Cans e por ver a reacción do público coa película, xa que “é a primeira vez que a vai ver tanta xente e, ademáis, en Galicia”. Balza salientou o traballo dos actores e tivo tamén unhas palabras para o guionista Roberto G. Méndez, quen “tivo o talengo de masticar as personaxes e poñelos no guión como o faría o propio Vidal Bolaño”.

O director do Festival de Cans, Alfonso Pato, recuperou o concepto de “tenrura galega”, acuñado por Miguel de Lira, para describir este filme que se move entre o riso e o pranto, entre a tenrura e a retranca. “Doentes é melancolía, humor e un certo drama; é a historia de dous perdedores que teñen asumida a súa condición”, sentenciou Antón Reixa.

Finalmente, María José Giráldez, presidenta do Círculo Recreativo Cultural do Porriño, amosouse o apoio total da institución á estrea da película e ao Festival de Cans e asegurou que “as portas están sempre abertas para iniciativas como esta”.

 

19 Comidas

Logo dun exitoso paso polas salas comerciais, con boa acollida de público e crítica, o director, Jorge Coira, asistirá á reestrea no Festival de Cans para revelar un dos segredos mellor gardados das improvisacións realizadas para a rodaxe do film revelación do ano en Galicia. 18 comidas é un crebacabezas de vidas que se entrecruzan sempre ao redor das comidas. Son en total 18 (6 almorzos, 6 xantares e 6 ceas), xenerosamente sazonadas de drama e comedia. Porque, como di o director, “a comida é saborosa, sensual, imprescindible para a vida e, sobre todo, a escusa máis común para que os seres humanos se reúnan e se relacionen”. En Cans coñeceremos a comida número 19. Será mañá xoves 19 ás 18h, no Círculo Recreativo Cultural do Porriño.

 

Noite VClips

Tamén mañá, despois da reestrea de 18 Comidas e da estrea de Doentes, terá lugar a Noite VClips, na que se proxectarán os videoclips a concurso. Pechará a noite Charlie Fabber, locutor de radio de Sateli3 de Radio3, cunha sesión caracterizada polos fortes contrastes e o eclecticismo, que de seguro animará ao persoal ata altas horas con grandes doses de bo ritmo. Unha batedora sonora onde se irán sucedendo músicas de baile de todas as épocas, estilos e latitudes, sen dependencias da actualidade comercial, as discográficas nin os intereses da industria

 

Programa do xoves 19 de maio:

Círculo Recreativo e Cultural do Porriño

    18.00h. Estrea de 19 comidas. Filme 18 comidas + escea inédita. Coloquio co director, Jorge Coira. Presenza do actor Víctor Fábregas.

    20.30h. Desfile de chimpíns con actores e equipo técnico de Doentes

    21.00h. Estrea de Doentes, dirixida por Gustavo Balza e protagonizada por Xose Manuel Olveira “Pico” e Antonio Durán “Morris”. Coa actuación especial de Bieito Romero (Luar na Lubre)

 

Bar Tubulart (O Porriño)

    23.30h. Noite Vclips. Coa participación de Belén Montero, Charlie Fáber, Jorge Ilegal e Luis Pardo, condutor do programa Control V en Vtelevisión, que exercerá como mestre de cerimonias.

    0.30h. Sesión de funk e soul con Charlie Fáber Dj, condutor do eclé