ENTREGADOS OS PREMIOS DO VIII FESTIVAL INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES CURTOCIRCUITO

19 / 05 / 2011

Entregáronse os premios do VIII Festival Internacional de Curtametraxes “Curtocircuíto” en Santiago, que se celebrou do 6 ao 15 de maio, organizado polo consistorio. Na competición internacional impuxéronse a británica Baby e as españolas El somriure amagat e Birdboy; na competición nacional Compostelae, El grifo, O zapateiro e La broma infinita; e en Explora, o británico Turning. Máis de 8.300 persoas asistiron ao certame.

Competían no Curtocircuito 2011 113 curtametraxes de 35 países, seleccionados entre unha cifra récord de 3.081 recibidos. Na súa sección de curtas internacionais, para a que foran elexidos 43 traballos, un xurado formado por Phil Mulloy, Laura Riu e Yumey Besú outorgou o premio á mellor curta de ficción á británica Baby, de Daniel Mulloy. Nos outros dous subapartados de dita categoría, os premios quedaron en España. Coma mellor animación foi elixida Birdboy, de Pedro Rivero e Alberto Vázquez; e coma mellor documental, El somriure amagat, de Ventura Durall. Os tres premios estaban dotados con 2.000 euros e trofeo. Na sección Explora, tamén de alcance internacional, que estaba reservada a curtas máis experimentais, concursaron este ano 32 títulos. Entre todos eles, un segundo xurado integrado por Ruth Cantarero, Agar Ledo e David Rubín concedeu un único premio ao mellor traballo, dotado con 2.000 euros e trofeo, ao británico Turning, de Karni Arieli e Saul Freedg. Pola súa parte, na sección Compostelae, onde o certame unificou este ano os concursos de curtas españolas e galegas, participaban 35 traballos, entre eles os tres con participación nacional da sección internacional. Un tercer xurado conformado por Jorge Coira, Piluca Baquero e Eduardo Chapero-Jackson outorgou na mesma o premio á mellor ficción a El grifo, de Denis Rovira; o premio á mellor animación a O zapateiro, de David Doutel e Vasco Sá; e o premio ao mellor documental a La broma infinita, de David Muñoz. Cada un dos tres consistía en 2.000 euros e trofeo. En cada unha desas tres seccións a concurso, un xurado xoven concedeu sendas mencións especiais, sen dotación económica. Na internacional, foi para a producción de Zambia Mwansa the Great, de Rungano Nyoni; en Explora, para a coprodución entre Irlanda e Alemaña The External World, de David O’Reilly; e en Compostelae, para El grifo.

En canto aos premios especiais, un xurado formado por Joao Garçao Borges, Martin Pawley e Juan Escudero, outorgou o premio RTP-Onda Curta, consistente na compra dos dereitos de emisión dun paquete de curtas de ata unha hora de duración por parte desa cadea pública portuguesa. Os traballos seleccionados foron o xa citado británico Baby, de Daniel Mulloy, o portugués Raio XYZ, de Joana Toste, a coprodución entre Canadá e Marrocos Mokhtar, de Halima Ouardiri, a coprodución entre Alemaña e Rumanía Apele Tac, de Anca Lazarescu, e a coprodución entre España e Arxentina Gato encerrado, de Peque Varela. Pola súa parte, o premio especial á mellor curta galega, dotado con 1.500 euros e trofeo, foi para Estereoscopía, de Xacio Baño, e o premio do público, dotado con 1.000 euros e trofeo, para Vicenta, de Sam. Por último, a curta Home cobaia, de Alejandra Días e Miriam Domínguez, estudiantes da Escola de Imaxe e Son de Vigo EISV, foron as gañadoras do premio da competición de escolas galegas, un concurso que se celebraba por vez primeira no marco do festival. O galardón, fallado por Eduardo Cerveira, Ismael Martín e Toño Chouzas, consiste nun software Final Cut Studio. A gala de entrega de premios do festival tivo lugar o sábado 14 de maio no Teatro Principal, se ben o domingo aínda continuaron as proxeccións. Ademais, o evento volverá a contar en agosto co programa de Curtocircuito na Rúa, e coas proxeccións nas aulas de concellos galegos. Este ano asistiron ás actividades do festival 8.365 persoas, das que 2.040 participaron no VI Mercado Internacional da Curtametraxe. O director del evento, Tim Redford, manifestou a súa satisfacción cos resultados de asistencia. Segundo afirmou, “o festival crece cada ano, e eso quere dicir que está xa absolutamente consolidado no ámbito internacional dentro dos da súa categoría”.

Categoría: Novas
Etiquetas: