Palma de Ouro no Festival de Cannes 2010 e premio da crítica (FIPRESCI) no de Sitges, ese mesmo ano. Son os avais da calidade cinematográfica de “O tío Boonmee lembra as súas vidas pasadas” (Tailandia, 2010), a película que Festival de Cine Internacional de Ourense e Cineclube Padre Feijóo proxectan dentro do ciclo Cine Oriental. Dirixida por Apichatpong Weerasethakul, narra os últimos días de Boonmee, afastado do mundo, entre as pantasmas dos seus seres queridos.

A proxección é este mércores 11 de maio en dobre pase: ás 20:30 e ás 23:00 horas. A entrada ten un custe de 4€ (reducido para estudantes con carné universitario e maiores de 65 anos).

-

A TROPA DE TRAPO

Por outra banda, a oferta de cine amplíase co OUFF Infantil, proxectándose “A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol”,o sábado 14 de maio ás 11.30 nos Cinebox, e cun prezo de entrada de 2 euros.

Unha película de animación en 3D dirixida por Álex Colls e con guión da escritora galega Lola Beccaria. Mumu, Milo, Rita, Talalo, Alfred e Olga son unhas mascotas moi orixinais confeccionadas con telas de diferentes estampados que senten envexa da pulcritude dun rabaño de ovellas ao que tentarán unirse por todos os medios.