Os profesionais do sector audiovisual galego participaron esta semana en Ourense no sexto Foro Academia Aberta que organiza a Academia Galega do Audiovisual baixo o título “A lingua fendida. O audiovisual e o galego”. As xornadas centráronse sobre a relación entre a lingua e o sector audiovisual tanto no seu aspecto cultural como na súa dimensión industrial.
Na xornada de onte, diferentes profesionais do sector audiovisual debateron sobre o momento crítico que atravesamos en canto ás posibilidades de que o galego siga sendo a lingua maioritaria de Galicia. Malia que na súa opinión aínda quedan moitas cousas por facer, a maioría deles recoñeceron o bo momento que vive o Audiovisual.

Segundo Rivadulla Corcón, Presidente da AGAG, “Vivimos conflitos culturais neste momento con difícil solución. O audiovisual galego debe corresponder á situación da nosa sociedade e contribuír a aposta en defensa polo idioma galego.“ Engadiu que “o que non se produza en lingua orixinal galega non se debería considerar audiovisual galego”, un punto no que outros relatores manifestaron o seu desacordo.

Por outra banda, Xerardo Couto, director e actor de dobraxe, comparou o modelo galego co catalán e o vasco sinalando que unha gran diferenza é que a nosa lingua, nalgúns aspectos, aínda está en construción.

Na segunda mesa na que participaron os directores de cine Mario Iglesias e Ignacio Vilar, a guionista Puri Seixido e os actores Xosé Barato e Ruben Ríos, houbo unha ampla pluralidade de opinións. Unha das cuestións tratadas foi o atractivo que o audiovisual galego ten na nosa sociedade galega, o que se demostra co feito de que a TVG é a canle autonómica con maior audiencia nestes momentos.

Xa pola tarde tivo lugar a terceira mesa redonda da sesión adicada ás limitacións que supón a lingua para a comercialización dos produtos no mercado internacional. Nesta mesa participaron o director e produtor Antón Reixa, o director de programas da TVG Eduardo Galán, a directora de produción María Liaño, e o membro de AGAPI Ignacio Vilar.

A continuación a Academia fixo unha homenaxe á dobraxe , que o pasado ano cumpriu vinte e cinco anos como profesión en Galicia, celebrando unha mesa redonda na que actores e actrices da dobraxe como Charo Pena, Miguel Pernas e Antonio Rubal contaron as súas experiencias. Como peche final houbo un recordo especial a María Romero e ao recentemente falecido Xoán Guisán, pioneiros desta profesión na nosa comunidade.

Este Foro Academia Aberta 2008, centrado na lingua galega e o sector audiovisual, está patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Secretaría Xeral de Comunicación, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria e pola Fundación Caixa Galicia. Tamén contou coa colaboración do Festival de Cine Internacional de Ourense.