CLAUSURADAS AS XORNADAS DE AGAPI “NOVAS FORMAS DE DISTRIBUCIÓN E CONSUMO AUDIOVISUAL”

16 / 10 / 2008

AGAPI organizou en colaboración coa Consellería de Innovación e Industria e EGEDA, as Xornadas Novas formas de distribución e consumo audiovisual que acolleu ós máximos expertos do sector audiovisual e das telecomunicacións na análise dos novos medios e contidos audiovisuais.
Este foro estrutúrouse en cinco mesas de traballo e posterior debate sobre:

– Novos contidos audiovisuais – Dixitalización de contidos
– Novas canles de distribución e comercialización
– Exhibición dixital e explotación baixo demanda
– Novos formatos para novos medios
– Novas oportunidades de negocio

Interviñeron os representantes das empresas máis innovadoras, tanto do sector das telecomunicacións e audiovisual, operadores de televisión e cable como da industria do videoxogo, da distribución e exhibición; tamén as entidades de xestión de dereitos, entidades financeiras e consultoras especializadas, sen esquecer os expertos das Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Pompeu Fabra.

Participaron así neste foro os representantes de Telefonica, Televisión de Galicia, R, Orange, Zed Group, Sogecable, EGEDA, Alcatel-Lucent, Distrivisión TV, Mediapeers, EGANET, Filmax, www.cine.com, SDAE, Joan Majó, Blüsens, Arantia-Televés, Virtual Toys, Gescaixa Galicia, Caixanova, Banco Pastor, Atos-Origin, Activa Multimedia.

Destacou o éxito destas xornadas nas que participaron os maiores expertos do sector. Os representantes das empresas e entidades particpantes foron:
Rogelio Velasco de Telefónica; Jacques Roldán de Sogecable; o consultor europeo Joan Majó; José Ramón García de Blüsens; José María Besteiro de Distrivisión José Antonio Guzmán de Orange; Alfonso Martínez de R; Victoria Nogueira de TVG; Teba Gómez-Moche de MediaPeers; Pablo González de Zed Group; Rafael Sánchez de EGEDA; José Luis Jorge de Alcatel-Lucent; Beatriz Legerén de EGANET; Josep Monleón de Filmax; Jordi Alonso de www.cine.com; Sydney Borjas de SDAE; o avogado especializado en Dereito Mercantil Miguel Ángel Bouza; Jacobo Penide de Arantia; Gilberto Sánchez de Virtual Toys; Manuel Gago de Culturagalega.org; Ignacio Alonso de Gescaixa; Beatriz Gómez de Caixanova; José María Nogueira de Banco Pastor; Joan Rosés de Activa Multimedia; e Mercé Camins do Mercat Audiovisual de Catalunya completan un total de 25 expertos en diferentes eidos da produción, distribución e conusmo audiovisual.

Este encontro funcionou como un espazo de reflexión e de debate, de presentación de experiencias e de exhibición de novos contidos perante o continuo proceso de incorporación e cambio das novas tecnoloxías no eido audiovisual. Analizouse a constante evolución da obra audiovisual e de todo o seu proceso de creación, produción, realización, postprodución, distribución e exhibición así como as novas oportunidades de negocio neste novo contexto tecnolóxico do mundo audiovisual.

Con motivo da inauguración destas I Xornadas Novas formas de distribución e consumo audiovisual produciuse unha importante nova para o sector audiovisual. A directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, María Helena Veiguela Martínez, anunciou a vindeira convocatoria de axudas á promoción audiovisual que contarán cun orzamento de 600.000 euros para a tiraxe de copias en 35 mm . e DVD de longametraxes e telefilmes, dobraxe noutros idiomas e promoción.

As xornadas remataron cun viño de honra no que os asistentes celebraron a oportunidade de poder consultar as súas dúbidas cos expertos no sector audiovisual e expresaron o seu desexo de que estas xornadas se convertan nunha cita anual.

Categoría: Novas
Etiquetas: