Os Papeis da Academia presentaranse en formato web

20 / 07 / 2015

A Academia está a traballar como cada verán nunha nova edición dos Papeis da Academia, que neste 2015 continúan coa súa evolución e virán en formato web.

Aproveitando a remodelación da nosa web crearase un microsite que recollerá algúns dos contidos habituais das anteriores versións: o tema central, que versará sobre a situación da muller no audiovisual galego; os artigos de opinión dos académicos e académicas sobre este tema ou sobre a cuestión ou teima que consideren de interese; os artigos dos gañadores dos Mestre Mateo falando da súa experiencia traballando nas obras polas que resultaron gañadores; os festivais, sección que recollerá información dos certames celebrados así como o palmarés; ou o que vai vir ofrecerá unha visión de futuro a curto prazo do sector sobre as producións e proxectos audiovisuais nos que se están a traballar. Tamén se manterá o tradicional recompilatorio “As músicas da Academia” que se integrarán tamén na web.

Esta nova presentación dos Papeis da Academia totalmente dixital permite recoller novos formatos e contidos: poderanse incluír vídeos, enlaces a outras webs de interese… de maneira que os textos serán máis dinámicos e estarán máis ilustrados.
Aproveitamos a ocasión para convidarvos a colaborar na publicación enviándonos información para a sección “O que vai vir”. É moi doado: tedes que enviarnos título, formato, xénero, sinopse, posible data de estrea, imaxes, teasers, making off… en definitiva, os datos que consideredes oportunos, das producións ou proxectos audiovisuais nos que esteades a traballar e que verán a luz no que resta do ano ou para 2016 non máis aló deste mércores, 22 de xullo ao mail info@academiagalegadoaudiovisual.gal

 

Categoría: Novas
Etiquetas: