A sexta edición do Festival Internacional de Documentais Play-Doc acabou o domingo 21 de marzo con números sorprendentes. Máis de 7.000 espectadores pasaron polo Teatro Municipal de Tui, o que confirma a consolidación do certame.

O xurado, composto por Eulàlia Iglesias Huix, Darío Oliveira e José Manuel Sande, emitiu onte o palmarés, que se fará público hoxe nunha cerimonia de clausura ás 20.30 que inclúe un concerto de 2us.

O xurado outorgou os seguintes premios:

-Sweetgrass, de Lucien Castaing-Taylor e Ilisa Barbash, na Sección Oficial de Longametraxes, por “como a través do documental reconecta coa esencia antropolóxica do western”.

-ex aequo na mesma Sección Oficial de Longametraxes con Sanya i Vorobey (Sanya e Pardal), de Andrey Gryazev, por “a forza e a inmediatez que transmite a través da súa depurada observación dos protagonistas, inmersos nunha situación desesperada pero non exenta de saída”.

-The Darkness of Day (A escuridade do día), de Jay Rosenblatt, na Sección Oficial de Curtametraxes, polo “seu uso da metraxe atopada que transcende a mera compilación para compor unha elexía en torno ao suicidio”.

-Tanyaradzwa, de Alberte Pagán, na Sección Oficial de Documentais Galegos, polo “seu cuestionamento dos formatos e a contribución ao trazado de novas olladas a outras realidades”.

E engaden que “todos estes títulos, así como o resto da programación do certame, expresan a vitalidade do documental contemporáneo, a súa enorme riqueza lingüística e a súa capacidade para implicar o público”.

Máis información na páxina web do festival www.play-doc.com