O XURADO DE PLAY-DOC EMITE UN PALMARÉS QUE “EXPRESA A VITALIDADE DO DOCUMENTAL CONTEMPORÁNEO”

23 / 03 / 2010

A sexta edición do Festival Internacional de Documentais Play-Doc acabou o domingo 21 de marzo con números sorprendentes. Máis de 7.000 espectadores pasaron polo Teatro Municipal de Tui, o que confirma a consolidación do certame.

O xurado, composto por Eulàlia Iglesias Huix, Darío Oliveira e José Manuel Sande, emitiu onte o palmarés, que se fará público hoxe nunha cerimonia de clausura ás 20.30 que inclúe un concerto de 2us.

O xurado outorgou os seguintes premios:

-Sweetgrass, de Lucien Castaing-Taylor e Ilisa Barbash, na Sección Oficial de Longametraxes, por “como a través do documental reconecta coa esencia antropolóxica do western”.

ex aequo na mesma Sección Oficial de Longametraxes con Sanya i Vorobey (Sanya e Pardal), de Andrey Gryazev, por “a forza e a inmediatez que transmite a través da súa depurada observación dos protagonistas, inmersos nunha situación desesperada pero non exenta de saída”.

The Darkness of Day (A escuridade do día), de Jay Rosenblatt, na Sección Oficial de Curtametraxes, polo “seu uso da metraxe atopada que transcende a mera compilación para compor unha elexía en torno ao suicidio”.

Tanyaradzwa, de Alberte Pagán, na Sección Oficial de Documentais Galegos, polo “seu cuestionamento dos formatos e a contribución ao trazado de novas olladas a outras realidades”.

E engaden que “todos estes títulos, así como o resto da programación do certame, expresan a vitalidade do documental contemporáneo, a súa enorme riqueza lingüística e a súa capacidade para implicar o público”.

Máis información na páxina web do festival www.play-doc.com

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: