Do 5 ao 12 de novembro deste ano terá lugar en Santa Mónica (Os Angeles) o American Film Market, o mercado cinematográfico máis importante de Estados Unidos. Produtoras e distribuidoras españolas poderán participar baixo o paraugas de ICEX, no pavillón Cinema from Spain. No caso das empresas galegas, o IGAPE ofrece a cesión de espazo expositivo e a elaboración de axendas de entrevistas gratuitamente, a través do Centro de Promoción de Negocios do IGAPE en Estados Unidos.
Deste xeito, as empresas galegas participantes poderán vender os dereitos de cine, DVD e televisión das últimas producións e coproducións de Galicia e sondar posibles participacións en proxectos galegos.

A 28 edición da Feira, en 2007, rexistrou un novo record de participación, cun total de 8.343 asistentes, dos que 1.628 eran compradores de 65 países. O espazo expositivo, os hoteis Loews e Merigot, acadaron a súa capacidade máxima cun total de 430 compañías de 30 países diferentes. Ademais proxectáronse 537 películas e a organización estima que os exhibidores pecharon acordos por valor de 800 millóns.

A participación galega da convocatoria pasada correu a cargo de Adivina Producciones, Formato Producciones e Teleclip, mentres que en 2006 asistiron Enxebre Entertainment, IB Cinema e Lorelei Producciones.

Os interesados poden contactar con Iria Veiga, IGAPE USA (Nova York) no e-mail ivc@igape.é ou no teléfono +1 212 967 2170 ext. 30. Dada a necesidade de pechar a participación galega e comezar os preparativos de forma inmediata, quen desexen informarse e/ou participar deberán iniciar os contactos á menor brevidade posible.