A ACADEMIA GALEGA DE AUDIOVISUAL APOIA O MANIFESTO “POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO”

16 / 05 / 2008

A Academia Galega do Audovisual apoia o manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego”, da Mesa pola Normalización Lingüística. Este domingo 18 de maio haberá unha manifestación en Santiago de Compostela, convocada pola Mesa, que partirá ás 12 do mediodía da Alameda e finalizará na praza da Quintana. Os interesados en apoiar o manifesto poden facelo no link www.amesanl.org .
Contido do manifesto

As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:

1. Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.

2. Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.

3. Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.

4. Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.

Categoría: Novas
Etiquetas: