O FESTIVAL DE CINE DE COREA DO SUR ACOLLE A ESTREA INTERNACIONAL DE “CREBINSKY”

30 / 09 / 2010

A próxima semana o cine galego romperá unha nova fronteira. Crebinsky, unha produción 100% galega dirixida por Enrique Otero, estrearase internacionalmente o 9 de outubro en Corea do Sur, dentro da programación do Pusan International Film Festival. O PIFF, que se celebra do 7 ao 15 de outubro, elixiuna como a única película española a competición nun dos certames máis importantes do mercado asiático.

Crebinsky competirá na sección Flash Forward, unha das tres seccións competitivas do festival e a única aberta a películas de fóra de Asia. O festival presenta esta sección como “unha colección ecléctica de primeiras ou segundas películas de novos realizadores, que busca descubrir cineastas de fóra do continente asiático”. O filme galego competirá con outras dez cintas chegadas de Italia, Canadá, Alemaña, Bélxica, Suecia, Dinamarca ou Australia. A estrea terá lugar o 9 de outubro ás 16:30 h. (hora local) no CGV Centum City 1.

Crebinsky inicia así o seu periplo por festivais internacionais. O filme foi seleccionado tamén para participar na 34ª Mostra Internacional de Cinema de São Paulo e intenta agora entrar na selección do próximo festival de Sundance, a cita de referencia do cine independente.

Universo Crebinsky en Ourense, Lugo e Pontevedra

Ademais de Corea, a película poderá verse este mes de outubro en tres cidades galegas, dentro da xira do espectáculo Universo Crebinsky, patrocinada polo Xacobeo. Nesta xira o protagonismo repártese á metade entre a música e o cine, nun formato novidoso que inclúe un pasarrúas, a proxección do filme e un concerto a cargo da Banda Crebinsky, autores da banda sonora.

Proxectarase o 3 de outubro en Ourense, dentro da programación do OUFF, no Auditorio Municipal ás 18 horas.

O mércores 6 de outubro o espectáculo preséntase en Lugo, no marco das Festas de San Froilán. Un pasarrúas sairá de Campo Castelo ás 20 h e chegará ao Auditorio da Facultade de Veterinaria, onde ás 21.30 h arrancarán a proxección e o concerto.

A última cita de Universo Crebinsky en outubro terá lugar o sábado 23 no Teatro Principal de Pontevedra. Con anterioridade o espectáculo púidose ver en Ortigueira, Ribadeo e A Coruña.

Categoría: Novas
Etiquetas: