O DIRECTOR DO FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA POBRE DE CUBA, SERGIO BENVENUTO, PARTICIPA NO DEBATE SOBRE “O RECURSO DO CINEMA SEN RECURSOS”

6 / 05 / 2008

Manuel José Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual, presentará o debate que se celebrará o xoves 8 ás 20:00 hs no Club Internacional de Prensa en Santiago. Ignacio Varela, xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, moderará o debate no que participan Manuel González, coordinador da Axencia Galega do Audiovisual; Miguel Anxo Fernández, historiador cinematográfico, e @s curtometraxistas Mario Iglesias e Susana Rei.
O director do Festival Internacional de Cinema Pobre de Gibara, en Cuba, Sergio Benvenuto, é o convidado que o Club Internacional de Prensa e a dirección xeral de Comunicación Audiovisual (ambos os dous da Secretaría Xeral de Comunicación) elixiron para participar na Xornada que estes organismos teñen organizada para o próximo xoves 8 de maio, dedicada a curtametraxe, ao cinema sen recursos.

Nesta Xornada, Manuel José Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual, manterá xunto a Sergio Benvenuto un encontro pechado co sector audiovisual, pero facendo especial chamamento ao máis directamente afectado pola produción do formato curtametraxe. Este encontro terá lugar o xoves 8 de maio ás 5 da tarde, na sede do Club Internacional de Prensa (Avda. da Coruña 6, baixo)

E ás 8… debate sobre “O recurso do cinema sen recursos”

En Cuba, no ICAIC -Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográfica- denominaron -non sen acerto- “Cinema Pobre” ao cinema que se produce sen apenas recursos económicos, e non en van, son xa seis as edicións celebradas deste Festival Internacional que ten lugar en Gibara -Cuba-. Tanto o Club Internacional de Prensa como a dirección xeral de Comunicación Audiovisual, consideraron de sumo interese someter a debate a produción cinematográfica sen recursos, que se plasma no sector audiovisual fundamentalmente no formato da curtametraxe, que crece de forma abafadora no noso país.

Analizar este potencial, e sobre todo, incidir no recurso fundamental para soster e promover a curtametraxe: a creatividade, é un dos obxectivos que se perseguen con esta Xornada, na que os e as profesionais máis nov@s, e aqueles menos nov@s pero que carecen de soportes empresariais que os avalen, vense directamente afectad@s.

“OS RECURSOS DO CINEMA SEN RECURSOS”

A experiencia de Cuba e os retos de Galicia, serán debatidos ás 8 da tarde na mesma sede do Club Internacional de Prensa, nun acto aberto ao sector audiovisual galego, pero igualmente, sobre todo ás ós novos creadores.

Este debate, que será presentado por Manuel José Fernández Iglesias, contará coa presenza de, ademais de SERGIO BENVENUTO, Director do Festival Internacional de Cine Pobre de Gibara, Cuba, con IGNACIO VARELA, Director do Consorcio Audiovisual de Galicia –que exercerá de moderador-; MANUEL GONZÁLEZ, Coordinador da Axencia Galega do Audiovisual; MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ, Historiador Cinematográfico; e @s directores e realizador@s cinematográfic@s cunha importantísima traxectoria na produción e dirección de curtametraxes, MARIO IGLESIAS e SUSANA REI.

As premisas da Mesa-Debate

A Mesa-Debate, que terá como moderador a Ignacio Varela, director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, abordará as teses que para cada participante ten o futuro da curtametraxe no país. Así, para Manuel González, “a historia ten demostrado dabondo que calquera produción audiovisual que conte co recurso do talento, pode poñerse o mundo por monteira. Ese é o único recurso imprescindible para facer cinema”. Entrementres, Miguel Anxo Fernández defende que “A curtametraxe ten a saída da resistencia (alternativa superada polos novos tempos), polo que ou admite a súa invisibilidade (coa Rede non basta) ou pide o mesmo tratamento do cine estándar”.

Ó moderador, Ignacio Varela, gustaríalle que “o debate fora sobre o bo cine sen recursos, que se definiran as estratexias institucionais necesarias, e os criterios de profesionalidade e responsabilidade dos autores”.

Pola súa parte, os profesionais da curtametraxe parten de, por parte de Mario Iglesias, “coa revolución tecnolóxica que se está a producir, o cine sen grandes recursos económicos vai permitir unha nova xeración de cineastas galegos que explorarán novos medios de producción e realización e acadarán unha voz propia”. Para Susana Rei, “Galicia é un país pequeno pero cunha narrativa propia á espera de virar dramaturxia cinematográfica.
Penso que teremos que acadar o noso espazo fronte aos modelos dominantes, construindo un audiovisual modesto pero moi rico en ideas, inxenio e calidade, tendo como referentes experiencias fílmicas como a brasileira, a cubana, a iraní, etc.

Partimos para a contenda ben parapetados, nos ollos unha mirada singular e na boca unha lingua rica e chea de plástica, nun brazo o grande potencial das novas tecnoloxías, hoxe accesíbeis a moitos grazas ao mundo dixital, e noutro o interese que o audiovisual desperta nas institucións, empresas e, sobre todo, na sociedade galega, sempre afeita a contar historias.

Finalmente, contamos con a forza do humor e da ironía para entender o mundo que, ao meu entender, é un dos nosos grandes tesouros.

Todo isto é o que nos diferencia e, ao tempo, o que nos achega aos outros á hora de plantarnos ante o “cine-rico” como paradigma único”.

Categoría: Novas
Etiquetas: